José Balboa, primeiro pola dereita, na sinatura do convenio. (Imaxe: Concello de Santiago)

Convenio co Concello de Santiago para a actividade de terapia acuática e de balneario destinadas a persoas usuarias de SADT

24/07/2023

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e o presidente de Sarela, José Balboa, asinaron hoxe o convenio que ten unha contía de 3.000 euros. As actividades procuran manter ou adquirir un maior grado de autonomía e independencia e ofrecen beneficios para persoas ás que a súa dependencia lles impide acudir a outras piscinas.

O proxecto presentado por Sarela na convocatoria deste ano facilitará o acceso das persoas usuarias do SADT á terapia acuática que se desenvolve na piscina de Sarela e unha actividade lúdica de balneario. A terapia acuática utiliza as características mecánicas da auga para os tratamentos, xa que ofrece un enfoque único, versátil  e seguro no que a persoa con Dano Cerebral Adquirido pode desprazarse con maior liberdade e sen risco de caídas, favorecendo a autoconfianza e seguridade da propia persoa.

A actividade de balneario ten un enfoque lúdico e de desfrute do medio acuático no entorno comunitario. As persoas beneficiarias do programa, que debido ao seu grado de discapacidade e dependencia teñen dificultades engadidas para gozar desta actividade, desprazaranse a unha instalación balnearia da comarca de Compostela estando acompañada por profesionais da entidade.

A sinatura do convenio realizouse nun acto conxunto con outras entidades do terceiro sector de Compostela como Cáritas, Feafes, Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), Escola de Tempo Libre Don Bosco, Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con demencia tipo alzheimer (AGADEA) e Asociación de Pais e Nais de Persoas con trastorno de espectro autista (ASPANAES). 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información