Sarela participa esta tarde nunha xornada de esgrima paralímpica

01/10/2014

Organizada pola asociación Achega, que promove o deporte adaptado, en Área Central.

A esgrima paralímpica caracterízase porque se practica desde a cadeira de rodas. Esta colócase nunha posición fixa, e a persoa que practica a esgrima move o tronco ou a man para desprazar a espada ou florete. Este é o punto de partida da actividade lúdica, formativa e deportiva que organiza na tarde do 3 de outubro a asociación Achega e na que van participar persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) usuarias de Sarela.
 
A asociación Achega dedícase á promoción do deporte adaptado para persoas con discapacidade e organiza, por segundo ano, o programa ‘Deporte e Mente sen Barreiras 2014’, apoiado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dentro do programa Iniciativa Xove. Este programa inclúe sesións deportivas de rugby, tenis, vela, baloncesto, petanca e esgrima adaptada, así como xornadas en colexios de deporte inclusivo e educativo e unha conferencia que leva por título: ‘Deporte como medio integrador: Beneficios sociais e mentais’. Estas actividades celébranse en diferentes localidades galegas.
 
Sarela colabora con Achega nesta xornada, cando catorce persoas usuarias da Asociación de Dano Cerebral de Compostela se desprazarán, de 17:00 a 20:00, ao centro comercial Área Central, para recibir unha lección práctica de esgrima paralímpica desde unha perspectiva de lecer e aprendizaxe.
 
Esta xornada conta coa colaboración da Asociación Compostela Esgrima, que proporcionará docentes especializados ao evento. A actividade vai comezar cunha explicación de en que consiste a esgrima adaptada, para, a continuación, pasar á proba e práctica da mesma. Achega pretende dar a coñecer o deporte como medio integrador, amosando os seus beneficios sociais e mentais, ao tempo que potenciadores das capacidades físicas das persoas con discapacidade.
 
O deporte é unha prioridade para Sarela á hora de sensibilizar sobre a prevención do dano cerebral adquirido. Uns hábitos de vida saudables, que inclúan unha actividade física moderada, son moi importantes para minimizar o risco de ictus, que é a principal causa do DCA. A segunda causa desta discapacidade son os traumatismos cranioencefálicos, dos que boa parte se producen no exercicio do deporte, algo que se pode evitar practicando o xogo limpo no marco dunha sa competición.
 
*****
A xornada deportiva está aberta á cobertura mediática, e está permitida a captura de imaxes e vídeo. Para ampliar información podedes poñervos en contacto cos teléfonos que se indican a continuación. Sarela e Achega agraden a difusión desta información, coa que se contribúe a potenciar a práctica do deporte e a promover a súa versión adaptada e inclusiva.
 
*****
O Dano Cerebral Adquirido (DCA) é unha discapacidade motivada por unha lesión no cerebro, que pode estar causada por unha enfermidade (ictus –na maioría dos casos, tumor...) ou por un traumatismo cranioencefálico (motivado por un accidente de tráfico ou laboral, un golpe no deporte, unha caída...).
 
    Cartel Esgrima Paralímpica
Categorías: Sarela , Prevención

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información