A asociación atópase estes días en proceso de traslado.
O luns, día 26 de xaneiro, producirase a esperada estrea do novo centro de día de Sarela. Desde ese día todas as actividades e servizos da asociación prestaranse nas novas instalacións do Traspaxonal. Os horarios que sexan modificados serán notificados ás familias e persoas usuarias afectadas.
Sarela anunciará, unha vez a asociación estea completamente establecida, os novos horarios de atención ao público. Mentres, mantéñense os teléfonos e enderezos de correo electrónico de contacto para as persoas que precisen facer consultas ou concertar citas.
Esta semana a asociación estase dedicando a recoller o local do barrio das Cancelas, empaquetar e trasladar os materiais, mobles e outros recursos ao novo centro. Ao mesmo tempo, conta cun equipo de persoas voluntarias -na imaxe, algunhas delas- que acompañan ás profesionais e á xunta directiva na montaxe e demais actividades necesarias para a estrea do novo centro.
Sarela non suspendeu os seus servizos durante a mudanza, polo que toda esta semana se manteñen as actividades e tratamentos, así como o centro de día. O luns serán retomadas no novo centro.
Nas vindeiras semanas, co traslado e instalación rematados, prepararase a inauguración oficial que será debidamente anunciada ao público. Sarela agradece o interese e a colaboración de todas as persoas que se ofreceron a traballar na mudanza e que a diario se interesan pola boa marcha da asociación.