FEGADACE celebra a eliminación do termo “diminuídos” da Constitución

19/01/2024

Tras décadas de reivindicación e traballo da sociedade civil, encabezada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), o Congreso dos Deputados aprobou o xoves 18 a reforma do artigo 49 da Constitución para substituír a palabra “diminuídos” pola expresión “persoas con discapacidade”. A reforma non é só un cambio lingüístico pois implica unha mudanza no enfoque da discapacidade na Carta Magna. Hoxe a reforma foi aprobada no Senado e entrará en vigor cando sexa publicado no BOE.

Tal como sucedera na Cámara Baixa, a reforma constitucional contou no Senado cos votos a favor de todos os partidos, agás Vox. Trátase do último paso do proceso parlamentario, iniciado o pasado martes 16 de xaneiro a través do procedemento de lectura única e urxencia. A reforma entrará en vigor cando sexa publicado polo Boletín Oficial do Estado.

Para o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández Pintor, trátase "dun fito histórico que salda unha enorme débeda co 10% da poboación do país e que materializa un avance fundamental en igualdade e xustiza social".

Pintor, quen celebra a importancia da mudanza na linguaxe empregada no texto legal, dado que "as palabras constrúen imaxinarios e, por tanto, tamén estigmas e estereotipos", espera que as modificacións no texto constitucional sexan o primeiro paso dunha nova etapa que sitúe á discapacidade no centro da axenda lexislativa. "Agardamos que sexa o punto de inflexión na adopción de políticas públicas comprometidas coa defensa, ampliación e garantía do cumprimento dos dereitos das persoas con discapacidade desde un enfoque que deixe atrás o modelo asistencialista e promova a súa autonomía persoal e a vida independente", sinala.

Aliñamento co dereito internacional
A substitución da redacción do precepto que aludía a "diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos” pola expresión "persoas con discapacidade", a modificación do texto constitucional implica, ademais do cambio lingüístico, unha mudanza no enfoque da Carta Magna, aliñándoa co paradigma de dereitos humanos da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, en vigor desde 2008 en España.

Así, a reforma establece que se "regulará por lei a protección especial que sexa necesaria" para que "as persoas con discapacidade" poidan exercer os seus dereitos "en liberdade e igualdade reais e efectivas". Igualmente, obriga aos poderes públicos a impulsar políticas que garantan a "autonomía persoal e a inclusión social" do colectivo "en contornas universalmente accesibles", con especial atención das "necesidades específicas das mulleres e os menores con discapacidade", cuxa realidade se recolle por primeira vez na Constitución, na liña dos artigos 6 e 7 da Convención.

Primeira reforma social da Carta Magna
A modificación do artigo 49 supón a primeira reforma social da Carta Magna e materializa unha demanda firme e sostida do movemento cívico da discapacidade que, ademais, conta cun enorme consenso social. O CERMI, plataforma impulsora do cambio que agrupa e representa a 3,8 millóns de persoas con discapacidade, cualifica de "éxito histórico e motivo de esperanza" a modificación legal e agradece o apoio a todos os grupos parlamentarios que aprobaron a medida.

A reforma, como calquera modificación no texto constitucional, requiría do aval dunha maioría de, cando menos, tres quintos da Cámara Baixa, saíu adiante grazas a que todos os partidos, menos Vox, votaron a favor. Aínda que diversas entidades sociais, como o CERMI, pediran á formación liderada por Santiago Abascal que valorara cambiar a súa postura para que a reforma puidera aprobarse por unanimidade, Vox votou finalmente en contra.

O trámite pasará agora ao Senado onde, se non hai ningunha sorpresa de última hora, pasará sen modificacións. Cando a Cámara Alta ratifique a proposta, entrará en vigor a terceira reforma da Carta Magna desde a súa aprobación en 1978.

Texto: Fegadace

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información