Presentada a nova edición da Arousaman e Arousawoman

27/07/2023

O reto de natación en augas abertas entre O Grove e Ribeira celebrarase o 29 de xullo. A saída será na praia de Confín e a chegada na de Coroso despois de percorrer 7,05 millas náuticas (13.057 metros). A iniciativa, que nace en 2015 grazas a Manuel Martínez “O Nacho”, busca visibilizar o Dano cerebral Adquirido. Se queres colaborar economicamente podes facelo de dous xeitos e o recadado será destinado ao equipamento da piscina accesible de Sarela.

A presentación da quinta edición da Arousaman e Arousawoman celebrouse como é habitual na Casa do Concello de Ribeira e nela participaron Manuel Martínez, impulsor da iniciativa; Juan Ramon Martínez, organizador; Luís Pérez, alcalde de Ribeira, Xabier Vidal, concelleiro de deportes; Concha Otero, vicepresidenta de Sarela; e os/as nadadores/as Víctor Fernández, Sara Fernández e Agurtzane Domingo.

Manuel Martínez “O Nacho” é unha persoa con Dano Cerebral Adquirido como secuela dun neurinoma do acústico, un tumor cerebral benigno que afecta a 1 de cada 100.000 persoas ao año. Foi Manuel, co apoio e empeño da súa familia e amizades, o impulsor en 2015 da primeira travesía a nado entre O Grove e Ribeira para dar visibilidade ao dano cerebral adquirido.

Na presentación o rexedor, Luís Pérez Barral, destacou que as dificultades polas que pasarán os nadadores e nadadoras son unha metáfora das que viven a diario as persoas con DCA. Xabier Vidal, edil de deportes, destacou esta cita en busca dunha «sociedade máis solidaria e inclusiva», ademais de reiterar o apoio do Concello.

Juan Ramón, irmán de Manolo e unha das persoas que máis enerxía dedica á súa organización, resume nunha frase este reto e seus obxectivos: “nós catro horas, eles toda a vida” como chamada de atención para que a sociedade e as institucións reparen na que é a primeira causa de discapacidade e dependencia en España.

A vicepresidenta de Sarela, Concha Otero agradeceu a Manolo “O Nacho” e a toda a organización ter contado desde a primeira edición de 2015 con Sarela para camiñar xuntos nese difícil traballo que é dar a coñecer o dano cerebral e pelexar por acadar a mellor vida posible para as persoas con DCA.

Na presentación tamén interviu  Agurtzane Domingo, que participou na edición do 2021 e que destacou a carga emotiva e implicación das nadadoras e nadadores durante a proba. «Hai dous partes moi emotivas, a saída, onde Juan Ramón Martínez —organizador da proba—, dá unha charla moi emotiva, e a chegada, con Manolo recibindo a todos os nadadores». Este ano repetirá e, unha vez máis, sen usar neopreno. Tamén se meterá na auga a burgalesa Sara Fernández, emulando ao seu irmán Víctor, que estivo no 2021 e que nesta ocasión prestará apoio desde o kaiak.

Colaborar
Como se dixo a Arousaman e Arousawoman teñen dous obxectivos: o primeiro dar visibilidade ao Dano Cerebral e a Sarela, pero sobre todo ás persoas e familias con DCA. O segundo é que todos os beneficios recadados nesta travesía sexan para Sarela. Estes serán destinados a completar o equipamento da piscina terapéutica do seu centro. En 2022 recibiron terapia acuática 40 persoas adultas e nenos e nenas con Dano Cerebral.

Se queres colaborar economicamente podes facelo de dous xeitos e o recadado será destinado ao equipamento da piscina accesible de Sarela:
A través de Bizum co código 07086 (+ info www.sarela.org/arousaman)
Facendo un ingreso en conta directamente a Arousaman (+ info https://forms.gle/QuKfXuVzAmfCFL7i6) e recibirás un agasallo.

Categorías: Sarela
Tags: ArousaMan

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información