Fútbol solidario coas persoas con dano cerebral

10/06/2014

Dous usuarios de Sarela xogaron coa S.D. Compostela e co Biduído S.R.

Este sábado celebrouse no Campo Municipal do Milladoiro o partido solidario que enfrontou ao Biduído S.R. coa S.D. Compostela co obxectivo de recadar fondos para Sarela.
 
O partido arrincou co saque de honra de José Antonio, usuario do proxecto Construíndo Futuro de Sarela, que pasou a integrarse no equipo local para participar no encontro. A S.D. Compostela tamén contou co apoio dunha persoa con dano cerebral adquirido; Ismael, usuario do mesmo programa, foi o encargado de xogar co equipo visitante.
 
O marcador rematou en 1-2 a favor do Compos. Ao finalizar o encontro, o presidente de Sarela, José Balboa, entregou un diploma de colaboración da Asociación de Dano Cerebral de Compostela a Miguel Regueiro, presidente do club Biduído S.R. Antes, na previa ao encontro, foi o Biduído quen entregou unha placa á S.D. Compostela en sinal de agradecemento pola acción solidaria. Recibiuna, en representación do club, o seu presidente, Antonio Quinteiro.
 
Ademais da entrega do diploma, ao remate do encontro celebrouse o sorteo dunha cesta coa que resultou agraciada unha socia de Sarela. A recadación da rifa entregarase a Sarela conxuntamente coa entrada do encontro e os beneficios que reporte a venda da taza e da camiseta solidaria que editou o Biduído S.R.
 
A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela quere agradecer unha vez máis o esforzo solidario realizado tanto polo Biduído S.R. como organizador, como pola S.D. Compostela como convidado, e por todas as persoas que asistiron ao partido.
 
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información