FEGADACE denuncia retrasos e desigualdades na vacinación dos equipos profesionais dos centros de atención ao dano cerebral

26/02/2021

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) quere facer público o seu malestar polo sistema e pasos que o Servizo Galego de Saúde está a seguir na administración da vacina contra a COVID-19. FEGADACE tamén manifesta a súa preocupación pola vulnerabilidade fronte ao coronavirus tanto das profesionais que atenden ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, como do propio colectivo de persoas con esta discapacidade, a meirande parte delas grandes dependentes (Grao III).

 
  • O sistema de inmunización difire enormemente en función das áreas sanitarias.

  • A meirande parte das traballadoras e traballadores de Ourense e Santiago de Compostela aínda non foron citadas.

 

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) quere facer público o seu malestar polo sistema e pasos que o Servizo Galego de Saúde está a seguir na administración da vacina contra a COVID-19. FEGADACE tamén manifesta a súa preocupación pola vulnerabilidade fronte ao coronavirus tanto das profesionais que atenden ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, como do propio colectivo de persoas con esta discapacidade, a meirande parte delas grandes dependentes (Grao III). Parte dos equipos profesionais non foron nin citados para recibir a súa primeira dose, o que redunda nun perigo para as persoas que teñen dano cerebral e son atendidas nos centros.

 

Ata hoxe a práctica totalidade de profesionais dos centros da Coruña, Lugo e Vigo foron xa vacinados. Sen embargo, nos centros de Santiago e Ourense, tendo enviado os listados de profesionais para vacinación no momento da súa solicitude por parte da Dirección Xeral de Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social (realizada o 12 de febreiro), non se recibiu ningunha citación. Algunhas profesionais desas dúas localidades foron xa vacinadas, pero as súas citas foron realizadas mediante os colexios profesionais (fisioterapia, logopedia e psicoloxía). Entre a semana anterior e a actual foi contactada a Xerencia de Área Sanitaria de Santiago, así como a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria de Política Social, coa fin de resolver esta anomalía, non obtendo ningunha resposta nin acción ao respecto.

 

FEGADACE tamén quere amosar a súa incomodidade coa desorganización que supón a diverxencia na canalización das chamadas para vacinarse, con profesionais citadas a través dos seus colexios profesionais e outras a través dos centros. Desde a Federación reclámase un procedemento único cunha priorización por colectivos clara, que responda ao risco real da exposición a contaxios e ao potencial perigo para a saúde da persoa infectada.

 

Esta desorde xera unha situación de desigualdade moi preocupante, cando se está a dar a realidade de que, por exemplo, unha profesional que atende a través de videoconferencia xa foi vacinada, mentres que auxiliares de enfermería, terapeutas e outros perfís implicados na atención directa e presencial aínda non foron nin citados.

 

 

Categorías: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información