Este venres estréase 'En Sarela non hai quen viva!'

15/06/2015

Última creación do grupo de teatro da Asociación de Dano Cerebral de Compostela.

O grupo de teatro de Sarela volve ao Auditorio de Galicia para a estrea da súa última creación dramática este venres, 19 de xuño. As entradas para a representación de 'En Sarela non hai quen viva!!', que conta coa colaboración do actor Rubén Riós, están á venda na Asociación de Dano Cerebral de Compostela.
 
Unha trama de misterio mestúrase co retrato da convivencia nunha vivenda compostelá típica: o piso de estudantes. O contrato de aluguer, unha festa, un biscoito e a policía mestúranse na obra cunha presenza estraña que os protagonistas tratarán de identificar. Un texto dramático coral, no que participan as persoas usuarias do centro de día, profesionais, voluntariado, e tamén familiares.
 
Tanto o texto como o cartel, a escenografía, o atrezzo e o vestiario foron elaborados nos obradoiros de teatro e de manualidades da asociación. O teatro emprégase en Sarela como medio de expresión, para facilitar a inclusión social das persoas con dano cerebral adquirido, como exercicio de memoria e concentración, e tamén como actividade lúdica. Este obradoiro xúntase unha vez por semana.
 
'En Sarela non hai quen viva!' conta tamén coa colaboración do actor Rubén Riós, que xa estivo o ano pasado co grupo de teatro da asociación. Riós vai ser o encargado de presentar a obra e de amenizar algún dos descansos.
 
As entradas están á venda en Sarela a 6 euros. A función será o venres 19 de xuño ás 19:30 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia (Avenida do Burgo das Nacións, s/n). Para as persoas que queiran colaborar pero non poidan asistir está dispoñíbel unha fila 0 no número de conta ES80 2080 5355 60 3040034346.
 
    Cartel 'En Sarela non hai quen viva!!'
Categorías: Sarela , Teatro
Tags: Teatro

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información