• banner servizo sarela feb2020 795x180 2

Noticias

“Ás familiares de persoas con dano cerebral o ioga apórtalles cousas boas porque desde un estado de ánimo tranquilo podes tomar decisións e facer o que queiras”

“Ás familiares de persoas con dano cerebral o ioga apórtalles cousas boas porque desde un estado de ánimo tranquilo podes tomar decisións e facer o que queiras”

No Día internacional do ioga entrevistamos a Jorge Ferro. El ten dano cerebral como consecuencia dun traumatismo cranioencefálico sufrido nun accidente de coche. Como explica na entrevista, unha vez recibe a alta no Servizo de Atención Especializada aceptou a proposta para continuar con nós facendo o que mellor sabía facer antes do accidente. Así, desde hai dous anos dirixe como voluntario a actividade de ioga organizada desde o Servizo de información a familias e que agora se realiza en modalidade online.

 

Cando comeza a túa relación con Sarela?
Eu fun usuario (do servizo de rehabilitación) de Sarela porque teño un dano cerebral por un accidente de coche moi grave. Cando fun un pouco consciente eu non podía nin falar, nin camiñar e aínda me custa un pouco. Tiven a rehabilitación en Sarela e pouco a pouco funme recuperando.

 

Cando sucedeu?
O accidente foi hai 3 anos e estiven case un ano enteiro en Sarela facendo rehabilitación. Todo foi moi lento, a memoria, o corpo... Cando me preguntaban os anos que tiña dicía que tiña 30, con iso pódeste imaxinar, todo o demais esquecéraseme. Teño case 60 e dicía que tiña 30, todo o demais esquecérao. Foi tremendo.


Ti agora colaboras como voluntario. Por que o fas?
Sarela axudoume e eu teño a necesidade de axudar aos demais. Eu en todo o que poida axudar axudo. É unha forma de devolver o que se fixo por min. Estou moi agradecido e a única forma que teño de demostralo é facendo o que sei facer. Cando comezamos eu non era moi consciente e foi á miña familia a quen llo propuxeron e foi ela a que me meteu.

 


Canto tempo levades coa actividade de ioga?
Xa tiñamos as clases de ioga antes da pandemia e estabamos felices e encantadas e agora facémolas online. As presenciais até que se poida non as imos facer. Levabamos xa un ano coa actividade cando tivemos que parar e agora retomámolas dun xeito diferente.


E por que recomendarías a actividade? Que pensas que lles aporta o ioga ás familiares que participan?
Son monitor desde hai moito anos, traballei en Sada, A Coruña, Vigo, A Estrada etc. A min o mundo do ioga axudoume moito a nivel físico, emocional e psicolóxico. Somos un ser e está todo unido, tanto o físico, a psique e as emocións. Se traballamos, a través do ioga podemos unir todas e equilibralas. Iso danos un estado de benestar.


Ás familiares das persoas con DCA que asisten apórtalles cousas boas porque desde un estado de ánimo tranquilo podes tomar moita máis consciencia e ao ser máis consciente podes axudar a todo o mundo. Canto máis consciencia, maior felicidade. Nesta vida trátase de ser consciente. Desde ese estado podes tomar decisións e facer o que queiras.

 

Agora a forma de dar as clases cambiou. Xa non van ser presenciais en Sarela e facédelas a distancia. Iso trae aparellado algún cambio nos contidos das clases?
Cambio non trae moitos. Son a mesmas clases pero que pasa que ao non ser presenciais teño que poñer máis énfase en ensinar e facer comprender as cousas. Unha cousa boa é que agora non temos límite de prazas. O que se botamos de menos é o momento do café ao rematar porque era un momento moi especial no que compartiamos moito.

 

 

Inscrición na actividade de ioga

Lembramos como participar nesta actividade que ao ser a distancia non ten límite de prazas. Para inscribirse deberán facelo no enlace que se lles facilitou por correo electrónico e a data límite de inscrición para a primeira sesión é o 19 de maio. En caso de dúbidas pódese contactar coas profesionais do servizo no 981577037 ou no correo electrónico sarela@sarela.org.


Información sobre a actividade:

  • Horario: todos martes ás 10h.
  • Duración: 45 minutos.
  • Modalidade: online a través da plataforma Zoom.
  • Non hai límite de prazas.
  • Material: Para as sesións é conveniente ter esterillas e mantas. Se non dispoñedes deste material, hai en material en Sarela do que podedes facer uso. Só tedes que avisarnos para vir a recollelo.
  • Esta actividade é aberta polo que se poderá ir incorporando xente ó longo do ano.
Categorías: Voluntariado

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Puede obtener más información en nuestra Política de Cookies.

Aceptar Rechazar