Momento da rolda de prensa. (Imaxe: Concello de Santiago)

Compostela celebra o 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

29/11/2019

As entidades sociais de Santiago e a cidadanía están convocadas a participar no acto “Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade” que se celebrará ás 12:00 na Praza do Obradoiro. O acto, que foi presentado hoxe, conta co apoio do Concello de Santiago e busca a implicación de toda a cidadanía.

Esta mañá, na Casa do Concello de Santiago, as entidades organizadoras presentaron xunto con Milagros Castro, concelleira de Políticas Sociais, o o acto “Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidades” . 78 entidades entidades sociais de toda Galicia celebran simultaneamente o Día Internacional das Persoas con Discapacidade con esta iniciativa colaborativa, que cada ano suma apoios e que nesta edición vez celebrarase por primeira en todas as provincias galegas, con actos na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.

 

En Santiago o acto será na Praza do Obradoiro ás 12:00 da mañá e está impulsado por Acem (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple), Aspanaes (Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista), Aspamite (Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo), Down Compostela, Fegadace (Federación Galega de Dano Cerebral), Fegadem (Federación Galega de Esclerose Múltiple) e Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela).

 

Na presentación, en nome das entidades sociais, Delmiro Prieto (Down Compostela) lembrou que en España un 11% da poboación ten algún tipo de discapacidade, ao que habería que sumarlle súas familias. Afirmou que con este tipo de accións o movemento asociativo quere manifestar que “aínda que sopren ventos (no económico) que non favorecen a inclusión, o que non podemos facer é dar un paso atrás en algo que é de xustiza como é o respecto e aceptación das persoas que son diferentes. Todos somos diferentes, pero iso non pode supor que unhas persoas teñan uns dereitos e outras non”.

 

Prieto afirmou que “o que se conseguiu até hoxe non é gratuíto nin casual. Foi polo esforzo das persoas con discapacidade que, no momento en que se lles dá voz, se posicionan claramente dicindo que discapacidade non é igual que incapacidade”. Prieto destacou que "o día que deixemos de celebrar días como este será porque se deron pasos cara a normalización real da sociedade". “Na base de todo ese proceso – continuou -está a educación, que debe ser inclusiva”.

 

Chamamento á participación

 

Tanto a concelleira Milagros Castro como as entidades presentes fixeron un chamamento a participar na concentración o martes 3 ás 12:00 no Obradoiro. O acto, simultáneo en todas as cidades, consiste nunha concentración na que se dá lectura a un manifesto reivindicativo dos dereitos das persoas con discapacidade e no que as persoas que representan ás diferentes organizacións len frases ou lemas mediante os cales mostran as súas peticións, desexos, sentimentos… dando voz así aos verdadeiros protagonistas dese día. Os asistentes portan paraugas de cores co obxectivo de dar unha maior visibilidade ao colectivo e a súa diversidade. Con estes paraugas, a iniciativa pretende representar unha sociedade plural e diversa, que acolle a todos por igual, sen diferenzas.

 

As asociacións convocadoras representan en conxunto a unha base social de máis de 40.000 persoas entre persoas con discapacidade, familias, socios/as, voluntarios/as e profesionais. O obxectivo é que a cidadanía se sume á celebración da súa cidade acudindo a estes actos cun paraugas de cores.

 

Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade naceu en 2016 na cidade da Coruña e este é o segundo ano que se celebrará en Compostela para reivindicar que as persoas con discapacidade sexan consideradas como cidadáns de pleno dereito.

 

Actos convocados o martes 3 de decembro:

  • Santiago de Compostela - Praza do Obradoiro - 12.00 h.
  • A Coruña - Praza de María Pita - 12.00 h.
  • Lugo - Praza Maior - 12.00 h.
  • Ourense - Praza Maior - 12.00 h.
  • Pontevedra - Praza da Ferrería - 12.00 h.
  • Vigo - Praza da Estre - 12.00 h.

 

 

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información