A austeridade mutiplica a pobreza das persoas con discapacidade

06/03/2014

Un estudo di que teñen un 25% máis de probabilidade de exclusión.

As persoas con discapacidade en España teñen unha probabilidade do 25% de caer na pobreza, un dato que se sitúa por riba da media europea (21,1%) e moi por riba das persoas sen discapacidade na Unión Europea (14,9%), segundo datos do estudo 'Impacto das medidas de austeridade dos gobernos europeos sobre os dereitos das persoas con discapacidade', cofinanciado polo Consorcio Europeo de Fundacións sobre Dereitos Humanos e Discapacidade do Centro Europeo de Fundacións (EFC).

 

As principais conclusións do estudo, cuxo principal obxectivo é analizar como está afectando a crise económica e as medidas de austeridade nas persoas con discapacidade en Europa, foron expostas este mércores durante un encontro informativo organizado en Servimedia.

 

O encontro contou coa participación do presidente do Consorcio Europeo de Fundacións sobre Dereitos Humanos e Discapacidade, Miguel Ángel Cabra de Luna, que expuxo os principais datos da investigación e sinalou que o maior impacto da crise está tendo lugar no ámbito do emprego e das prestacións en materia de dependencia. En opinión do tamén director de Relacións Sociais e Internacionais e Plans Estratéxicos de Fundación ONCE, se se certificase que saímos da crise, a situación "ten tamén que mellorar para un colectivo tan vulnerable como o das persoas con discapacidade". Ademais, Cabra de Luna fixo fincapé na importancia da aplicación efectiva do dereito e da innovación social: "Ten que haber estratexias para avanzar e mostrar que as persoas con discapacidade son fonte de vantaxes competitivas", apuntou.

 

Tamén participou no acto o presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), Luis Cayo Pérez Bueno, quen explicou que o principal impacto da crise no colectivo é negativo "no sentido de que non existe".

 

Desde esta perspectiva, a crise "paralizou o proceso de inclusión, deixándonos estancados" dentro do proceso de normalización, e "os máis afectados por todos os impagos, atrasos, recortes e minimización de estratexias son as estruturas do benestar e, en concreto, o movemento asociativo", advertiu Pérez Bueno.

 

Mulleres con discapacidade

 

Pola súa banda, a comisionada de Xénero do Cermi e directora de Relacións Internacionais da ONCE, Ana Peláez, centrou a súa intervención no impacto da crise desde unha perspectiva de xénero. Segundo Peláez, as mulleres con discapacidade "son as persoas máis pobres do mundo, e as que máis están sufrindo os efectos da crise".

 

Para a comisionada de xénero do Cermi, a solución pasa polo apoio económico e a loita "contra a desigualdade no terceiro sector que exclúe ás mulleres con discapacidade", un colectivo que, engadiu, constitúe "a maioría da poboación de persoas con discapacidade".

 

Así mesmo, o director xeral da Fundación Rais, José Manuel Coballol, referiuse ao estudo 'Discapacidade no ámbito da exclusión social', realizado pola entidade e que descubriu unha realidade que estaba oculta, na que "o 23% das persoas sen fogar ten algunha discapacidade".

 

Coballol declarou que "fan falta medidas moi contundentes e moi específicas para paliar esta situación", xa que, ademais, as persoas sen fogar que teñen algunha discapacidade "sofren máis agresións, peor estado de saúde e pasan de media máis anos na rúa que as que non teñen discapacidade".

 

Para o catedrático de Socioloxía da Universidade de Alcalá e experto en políticas sociais Gregorio Rodríguez Cabrero, o impacto da crise nas persoas con discapacidade "é moi claro e superior á media nacional, pero os indicadores permítennos arroxar algún tipo de esperanza no mercado de traballo".

 

Neste sentido, Rodríguez Cabrero referiuse ao incremento da poboación activa no colectivo: "Queren traballar, e sobre todo nótase no colectivo de mulleres". Outra boa noticia, desde o seu punto de vista, é que "están aumentando as taxas de persoas con discapacidade con estudos secundarios e superiores". Con todo, sen medidas de apoio para esta mellora "esta non se pode levar a cabo", defendeu Rodríguez Cabrero.

 

Para rematar, o profesor de Socioloxía e membro do Instituto Universitario de Integración na Comunidade (Inico), Agustín Huete García, apostou por "converter as limitacións da crise en oportunidades", como esa "vena reivindicativa", e evitar na medida do posible "a mercantilización dos servizos a persoas con discapacidade en tempos de crises".

 

Huete tamén subliñou a importancia de "axudar con medidas específicas" e de "avaliar as accións que realizamos", xa que, na súa opinión, "Europa ten moita tendencia a deseñar programas xeralistas e necesitamos medidas específicas e avaliables para ser eficaces", concluíu.

 

Impacto da crise e discapacidade en Europa

 

O estudo 'Impacto das medidas de austeridade dos gobernos europeos sobre os dereitos das persoas con discapacidade', advirte dun aumento desproporcionado das taxas de desemprego e de risco de pobreza das persoas con discapacidade desde o comezo da crise, e sinala que, aínda que as estatísticas e datos actuais que permiten a formulación e implementación das políticas de discapacidade son aínda "moi escasos", identificouse unha ampla gama de medidas de austeridade que tiveron un impacto "moi negativo" sobre os mecanismos de promoción e protección das persoas con discapacidade.

 

A investigación documenta un aumento desproporcionado das taxas de desemprego e risco de pobreza do colectivo: o 21,1% de persoas con discapacidade na Unión Europea corren o risco de caer na pobreza, en comparación co 14,9% das persoas sen discapacidade. Nalgúns países, entre os que se atopa España, a probabilidade das persoas con discapacidade de experimentar pobreza ascende ao 25%.

 

Ademais, a análise dos datos procedentes das estatísticas da Unión Europea mostra que, desde o inicio da crise, os servizos sociais tamén se viron "gravemente afectados" polas medidas de austeridade, e os beneficios da Seguridade Social vinculados á discapacidade foron "recortados gradualmente".

 

Neste sentido, a información revisada na investigación confirma que as persoas con discapacidade están experimentando "cada vez máis desigualdades" en canto ao acceso aos servizos sociais e sanitarios e sinala que o sector da educación foi "particularmente afectado" polas medidas de austeridade, sobre todo neses países que están experimentando as crises económicas máis severas.

 

En relación cos servizos sociais, rexistráronse recortes orzamentarios directos, recortes no financiamento de proveedores de servizos sociais non gobernamentais e no apoio financeiro ás organizacións representativas da discapacidade. Unha cuestión que o estudo formula como "moi relevante" é o atraso dos pagos, pero tamén destaca cambios estruturais no sector, que contribúen a ese impacto negativo.

 

No ámbito dos dereitos recollidos na Convención da ONU, cabe destacar consecuencias negativas das políticas de austeridade nos artigos 19, 20, 24, 25, 26, 27 e 28, que implican un impacto severo en dereitos fundamentais como vivir de forma independente e ser incluído na comunidade, dereito á mobilidade persoal, á educación ou á saúde, entre outros.

 

Para rematar, o estudo sinala que as medidas de austeridade implementadas na Unión Europea e en España con motivo da crise económica teñen o potencial de interferir no desenvolvemento da Convención da ONU, da Estratexia Europea de Discapacidad e nos obxectivos globais da Estratexia Europea 2020 relacionados co emprego, a educación, a pobreza e a exclusión social.

 

*Información extraída de Servimedia.

*Fotografía de D. Sharon Pruitt con licenza CC BY 2.0.

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información