A atención temperá e o lecer cultural en Convivir en Igualdade

23/07/2014

Entrevista no programa da Radio Galega.

O programa Convivir en Igualdade, da Radio Galega, entrevistou na súa edición desta noite a Ana Ruiz, terapeuta ocupacional, e a Noelia Nieto, educadora social, para falar sobre o programa de atención temperá e sobre como se traballa o lecer e o tempo libre en Sarela.
 
A primeira parte da entrevista dedicouse ás actividades que se están a desenvolver dentro do programa de atención temperá de Sarela, especialmente ao sistema de préstamo de bicicletas adaptadas. Ana Ruiz, terapeuta ocupacional e responsábel deste programa, explicou a Clara de Saá como son as bicicletas adaptadas e os obxectivos que se perseguen co seu uso, que favorece a relación coa comunidade.
 
Ana explicou que para formalizar o préstamo de bicicletas só hai que asociarse a Sarela e cubrir un formulario de solicitude cada vez que se queiran levar á casa. A duración do préstamo é de fin de semana. Teñen unha finalidade terapéutica, xa que "favorecen a relación co contorno e a comunidade", saíndo da sala de rehabilitación para poñer en práctica no ámbito comunitario todo o aprendido.
 
A terapeuta ocupacional explicou o sistema de valoración e atención aos nenos e nenas con discapacidade; acudindo, se é preciso, a asesorar aos centros de ensino. Na actualidade Sarela atende a dez nenos e nenas que teñen desde meses ata 12 anos.
 
Na segunda parte da entrevista, a educadora social Noelia Nieto explicou o programa de de visitas culturais de verán. Describiu a visita desta semana á mostra 'Vinte na Quintana' e os obxectivos de inclusión e lecer deste tipo de visitas.
 
O programa Convivir en Igualdade está dedicado a temáticas sociais e emítese na Radio Galega todas as madrugadas -de martes a venres- de 01:00 a 02:00 da mañá, e os domingos de 06:00 a 07:30.
 
A entrevista a Sarela pode oírse aquí, entre os minutos 02:25 e 03:21 e do 42:57 ao 51:15:
 
                           
 
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información