Subscríbete ao noso boletín

Recibe novas no teu email

Unha gran familia sen parentesco

06/11/2017

Novo artigo da serie que elabora o equipo de profesionais de Sarela. Nesta ocasión, Álvaro Suárez, Fátima Cabanas, Noelia Rosende e Susana Quintáns, que forman o grupo de auxiliares no noso centro, explícannos cales son as súas funcións no día a día.

Novo artigo da serie que elabora o equipo de profesionais de Sarela. Nesta ocasión, Álvaro Suárez, Fátima Cabanas, Noelia Rosende e Susana Quintáns, que forman o grupo de auxiliares no noso centro, explícannos cales son as súas funcións no día a día.

 

 

O día amence medio nubrado pero xa estou preparado para comezar o meu día. Xa estou de camiño a Sarela, desexando chegar para comezar a xornada. Ás veces a xente pregúntame por que teño tantas ganas de ir cada día. Eu creo que non se decatan de que non se pode estar todo o día na casa. Gústame sentirme ben e notar a mellora que se produciu desde que vou alí.

 

Acabamos de chegar e xa nos están a esperar para abrir a porta, axudarnos a sacar as chaquetas e comezar a xornada. Mentres tanto, outros rapaces están gardando cousas ou recollendo a medicación que traemos para poder preparala. A continuación comezamos a colocarnos para falar entre nós sobre o día anterior ou o primeiro que se nos veña en mente, Teño que recoñecer que ás veces se chego cedo, aproveito para botar unha cabezadiña, aínda que pronto ven alguén que me esperta.

 

A primeira tarefa do día é a orientación espazo- temporal. Deste xeito, comentamos en que día, mes, ano etc nos atopamos e axiña imos ás actividades que nos corresponden. Algunhas facémolas dentro do centro e outras fora. Agora que o penso, hoxe tócame ir a compra e creo que algún dos rapaces xa baixou a pola furgoneta. Gústame ir na furgoneta de paseo, o día faise moito máis ameno e diferente. Vaites oh! Dende que teño o dano, se hai algo que non podo aturar, é que sexa o momento que sexa ou o lugar onde me atope, de súpeto preciso ir ó servizo e fáiseme complicado facelo por min mesma pero o bo é que vaiamos onde vaiamos, sempre hai algún rapaz que nos poda acompañar e botar unha man.

 

A media mañá, coa rutina no corpo, xa comezo a ter ganas do meu cafeciño quente, aínda que chegado o momento, sempre nos preguntan o que queremos por si nos apetece outra cousa. Cando xa case todos teñen o que queren tomar, os auxiliares séntanse con algúns compañeiros e bótanlles unha man para que poidan facer o seu descanso; algúns incluso non poderían tomar nada, se non fose por eles. O intre do descanso soe ser moi agradable, xa que sempre hai algunha conversa ou algún compañeiro ou compañeira que fai o parvo para facernos rir.

 

Aínda que fora chove, aquí estamos ao quentiño, e mentres saboreo o meu café vexo como acompañan a varios compañeiros ao baño mentres outros imos indo para a próxima actividade. Algúns quedamos para a montaxe de comedor. “Quedo eu? Moi ben!”. É posible, e frecuente, ter preguiza á hora de montar o comedor pero agora é moito máis sinxelo. Cada quen ocúpase do grupo de mesas no que come. Limpamos mesas, poñemos manteis, cubertos -entre eles tamén os que son diferentes para os compañeiros con máis dificultades-, vasos etc. O mellor de todo é que traballamos a memoria lembrando onde se senta cada un de nós. Ás veces, por non fixarnos, nin sabemos quen está sentado ao noso carón.

 

Alá vai a metade do día! Nun abrir e pechar de ollos xa é a hora do xantar! A verdade é que me sento nunha mesa un tanto peculiar, xa que desde o meu sitio podo observar grandes cousas. Comemos dous pratos cunha dieta moi variada (a miña comida favorita son os guisos a verdade!). Síntome moi cómodo. Cando preciso axuda para calquera cousa chamo aos rapaces para que me boten una man. Ás veces axúdannos pero outras insisten moito para que o fagamos nós. Algúns pensarán que non nos queren axudar. Eu sorrío e continúo comendo xa que son consciente de que o fan por nós. Podo observar como dan o apoio preciso a todos os meus compañeiros.

 

Eu teño sorte de poder saborear a comida e comer de todo pero como vos dicía hai compañeiros que non teñen esa sorte. Algúns comen dietas distintas. Uns teñen que xantar sen sal, temos compañeiros diabéticos, outros que non poden comer legumes porque se esganan e outros teñen un tubo que lles sae da barriga por onde beben e comen unha comida especial que vén nuns botes. Tamén hai compañeiros que non beben coma nós. Os rapaces bótanlle uns pos máxicos de cor branca que fan que non se esganen. Tamén nos axudan a utilizar ben uns cubertos diferentes pero máis axeitados para cada un de nós (culleres, garfos, vasos…).

 

Aí vén outra auxiliar coa medicación. Esa si que ten que estar moi pendente xa que algún compañeiro leva mal esta parte do día. Xantar rematado. Recollo o prato mentres os rapaces preparan o carriño cos neceseres e cueiros para todos e vou a lavar os dentes. Ás veces preciso axuda, igual que á mañá para ir ó servizo, xa que colocar a roupa á perfección é un pouco complicado pero a verdade é que no resto das cousas voume desenvolvendo bastante ben. A outros compañeiros téñenlle que axudar moito máis. A algún deben cambiarlle o cueiro, lavar os dentes ou incluso deitalos en sofás individuais ou en padiolas. A verdade é que cando me axudan no servizo é un momento diferente. Non sei como explicalo, pero é íntimo e agradable. Ás veces falamos de cousas que non falamos noutro momento calquera, ou con outras persoas, pero con eles non sei … é diferente.

 

Vaia, xa viñeron espertarme da soneca. Foi sentarme no sofá e quedar roque. Resúltame tan curioso este momento… Non me acostumo a ver como erguen aos meus compañeiros coa grúa. Por un lado penso que debe ser moi divertido pero polo outro creo que morrería co medo! Cando chego á sala, xa hai máis movemento e … agarda un pouco! Creo que hoxe toca piscina! Vale vale, menos mal que nos fixeron coller a costume de mirar o horario! Piscina é mañá, xenial porque hoxe toca a actividade de musicoterapia e non me gustaría perdela.

 

Levamos só quince minutos de actividade pero de tanto cantar hai un ratiño que noto a boca moi seca. Ás veces parece que me len o pensamento. Velaí veñen cos vasos e coas botellas de auga. Sempre me dá un pouco de reparo pedilo, e ás veces, creo que polo dano, teño gañas de beber pero non son capaz de pedilo coma outros compañeiros. Menos mal que máis ou menos sempre á mesma hora aparecen os reforzos!

 

Vaia! Ó compañeiro do lado caeulle o vaso de auga enriba miña. Menos mal que non lle quedaba moita pero, aínda así, molloume un pouco e agora tocarame agardar. Os rapaces están a darlle auga á xente que ten maiores dificultades e que a toma con eses pos que a transforma nunha especie de xelatina … como se chamaba … estresante … enredante … espera que pregunto.: espesante! Non me soa que me dixeran ese nome antes, pero debe ser o mesmo!

 

Imos aló. Cambio de roupa á vista! Só imos cambiar o pantalón que é o único que se mollou pero encántanme estes momentos. A verdade é que as actividades están moi ben pero non sempre me dou concentrado igual, así que cambiar, ás veces, por un pouquiño de charla persoal, encántame!

 

Aínda ninguén me dixo qué hora é pero sempre que comezan a darnos as chaquetas e bolsos soen ser sobre as cinco e cuarto. Hoxe dixéronnos que vai frío, así que paga a pena abrigarse ben! Vou poñendo a chaqueta pero, a pesar da práctica diaria, complícaseme encaixar os botóns. Ás veces fáiseme complicado recoñecer cando non sei facer algo ou cando non o dou feito pero coma si me leran a mente … pum! Achéganse a min e dinme que mañá intentaran inventar algo para que me resulte máis sinxelo.

 

Como en todas partes, hai momentos bos e malos, momentos mellores e peores, situacións difíciles e momentos incómodos para todos. Teño que recoñecer que non sempre nos atenden no propio intre e non sempre coa mellor cara pero ás veces, incluso cando eu xa non recordo o que pasou, achéganse a nos e pídennos perdón.

 

Porque o mellor deste traballo é que non somos nomes, nin números, nin profesionais. Somos “rapaces” que estamos aí cando fai falla. Nun baño, nun comedor, nunha ferida ou nunha conversa.

 

Ás veces unha historia contada dende dentro resulta máis intensa. Ás veces non é sinxelo para nós pero outras é moito menos sinxelo para eles. Por iso estamos aquí. Porque, como moi ben di unha moi querida persoa usuaria, amiga e compañeira, “entre todos formamos unha gran familia sen parentesco”.

 

 

Categorías: Sarela , Artigo

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información