Subscríbete ao noso boletín

Recibe novas no teu email

É posible rehabilitar desde o modelo de Calidade de Vida?

07/02/2019

No IV Congreso Nacional de DCA organizado recentemente por FEDACE tres das nosas profesionais presentaron un póster co título “É posible rehabilitar desde o modelo de calidade de vida?”. As terapeutas ocupacionais Ana Ruiz e Majo Hermida e a psicóloga Junquera Novo falaron da necesidade de abordar o tratamento dunha persoa con DCA establecendo obxectivos en base ás dimensións de calidade de vida. Neste artigo fan un resumo da súa exposición.

No IV Congreso Nacional de DCA organizado recentemente por FEDACE tres das nosas profesionais presentaron un póster co título “É posible rehabilitar desde o modelo de calidade de vida?”. As terapeutas ocupacionais Ana Ruiz e Majo Hermida e a psicóloga Junquera Novo falaron da necesidade de abordar o tratamento dunha persoa con DCA establecendo obxectivos en base ás dimensións de calidade de vida. Isto implicaría que a intervención non estivese fragmentada en disciplinas profesionais senón que todas as disciplinas serías responsábeis e participarían na consecución deses obxectivos. Neste artigo fan un resumo da súa exposición.

 

Calidade de Vida é un estado desexado de benestar persoal que é multidimensional; ten propiedades éticas universais e émicas, ligadas á cultura; ten compoñentes obxectivos e subxectivos; e está influenciada por factores persoais e ambientais (1). No dano cerebral adquirido (DCA) un aspecto común é o forte impacto negativo que a lesión produce na calidade de vida das persoas e os seus familiares, a cal vese a miúdo reducida de xeito significativo (2). Todas as dimensións pódense ver afectadas nas persoas con DCA, xa que logo todas deberían ser relevantes na intervención que levan a cabo os equipos profesionais. 

 

Cando atendemos a persoas con dano cerebral adquirido, en moitas ocasións, facémonos a seguinte pregunta: a intervención realizada mellorou a súa calidade de vida? O ano pasado, o INICO (Instituto Universitario de Integración na Comunidade), pertencente á Universidade de Salamanca, puxo á nosa disposición unha ferramenta que permite recoller información sobre a percepción que ten a persoa sobre a súa calidade de vida. Este tipo de instrumentos permiten aos profesionais utilizar esa información para suscitar obxectivos de intervención que permitan atender a todo este conxunto de dimensións.


Cando como equipo abordamos esta situación, somos conscientes de que temos que facelo desde unha perspectiva transdisciplinar pero trasladar este enfoque á práctica non sempre é fácil. Os seguintes retos que nos tocan afrontar é lograr que as disciplinas se solapen as unhas coas outras e axuntar todos os nosos coñecementos para suscitar obxectivos de mellora de calidade de vida. Isto implicaría que a intervención non estivese fragmentada en disciplinas profesionais senón que todas serían responsables e participarían na consecución deses obxectivos.


Tras un dano cerebral adquirido a persoa é valorada de xeito integral por profesionais de diferentes disciplinas (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, piscoloxía/neuropsicoloxía e traballo social) xa que son diversos os aspectos que van atoparse afectados. Trala valoración suscítanse obxectivos que normalmente van estar baseados en áreas (área física, área cognitiva, área emocional) e estes obxectivos acaban traducíndose nunha formulación sobre que número de sesións vai ter cada profesional (por exemplo 3 sesións de fisioterapia, 2 de terapia ocupacional, 3 de logopedia, 2 de psicoloxía/neuropsicoloxía etc). Analizar esta forma de traballar lévanos a cuestionarnos: non nos estaremos deixando as dimensións de calidade de vida, polo menos en parte, esquecidas?.


Tras realizar estas reflexións iniciamos o cambio cara a un enfoque de intervención transdisciplinar valorando e establecendo obxectivos comúns para todos os profesionais que interveñen coa persoa e sen esquecernos de que sexa ela a que decida connosco sobre que aspectos incidir. É certo que, en ocasións, na fase inicial do dano cerebral a persoa non vai poder tomar moitas decisións. Isto debe facernos reflexionar sobre a importancia de que situemos, durante a intervención, a súa autodeterminación como un obxectivo fundamental xa que o fin último debería ser que a persoa decidise que quere facer coa súa vida. No dano cerebral adquirido vai haber diferentes fases dentro do proceso asistencial. Nunha primeira fase a rehabilitación individual vai ter un peso fundamental pero nun momento posterior, a persoa, con secuelas ou cambios na súa forma de realizar as cousas, irá cambiando a súa percepción de calidade de vida en función de aspectos persoais, intrínsecos a ela, e da situación vivida.

 

As preguntas que agora nos toca responder serían , como imos relacionarnos como profesionais e integrar os coñecementos que temos sobre rehabilitación? Como podemos acompañar á persoa con dano cerebral neste proceso e xerar estratexias que favorezan unha mellor percepción da súa calidade de vida? .


(1) Schalock, R. L. e Verdugo, M.A. (en prensa). Quality of life theory: Its development and use in the field of intellectual disabilities. Journal of Policy and Practice in lntellectual Disabilities. (2) Verdugo, MA, Gómez, LLE, Fernández M, Aguayo V, Arias B. Escala CAVIDACE. Avaliación da calidade de vida de persoas con dano cerebral. Salamanca: Instituto Universitario de Integración na Comunicada (INICO); 2018.

 

 

Categorías: Sarela , Artigo

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información