Visitas a exposicións de cerámica e fotografía

30/09/2014

Sarela organizou visitas a mostras todos luns de setembro.

O mes de setembro estivo cheo de saídas culturais en Sarela. As persoas usuarias da asociación visitaron unha mostra de fotoxornalismo e outra de cerámica en diferentes espazos da zona vella de Compostela. A asociación está a desenvolver un programa de visitas de lecer que continúa en outubro e que levou aos usuarios e usuarias da entidade a turnárense en dous grupos para estas saídas semanais.
 
O Colexio de Fonseca, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, acolleu ata hoxe unha exposición sobre ‘A cerámica castrexa en Galicia’ que Sarela visitou (como se ve na imaxe de encabezamento) os días 15 e 22 de setembro. Estivo organizada pola Fundación Terra Termarum de Castrolandín, en Cuntis, que desenvolveu o proxecto de investigación e recuperación da cerámica castrexa que se presenta na exposición. Xosé, un dos membros da Fundación, exerceu de guía para as persoas usuarias de Sarela. Falou de cada peza e de como se recuperaron, interactuando coas persoas visitantes, e explicou os seus usos na vida castrexa.
 
A investigación realizada en Castrolandín responde a unha iniciativa popular. Cando se atoparon as pezas de cerámica, a veciñanza empezou a facer reproducións para facilitar o coidado dos orixinais e que todo o mundo puidera ver unha mostra. 
 
Fotografía e catástrofes humanitarias
 
E este luns foi a quenda do fotoxornalismo. O grupo de visitantes de Sarela quedou moi impresionado ao ver a exposición 'Testigos del olvido', composta de fotografías e textos que trasladan a oito crises humanitarias que ocorren, agora mesmo, no mundo. Organizada polo Instituto Cervantes, Médicos Sen Fronteiras (MSF) e El País, conta con fotografías de Juan Carlos Tomasi e textos de Juan José Millás, Mario Vargas Llosa, John Carlin ou Laura Esquivel.
 
Esta visita serviu ás persoas usuarias de Sarela para reflexionar sobre a situación mundial. Todo o grupo quedou moi satisfeito coa visita. A exposición continúa aberta ata o 2 de outubro no Centro Cultural Afundación de Santiago.
 
    Visita a ‘A cerámica castrexa en Galicia’ Visita a 'Testigos del olvido'
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información