Visita da vicepresidenta da Deputación da Coruña e da deputada resposable da Área de Benestar Social

10/01/2017

Goretti Sanmartín e Ánxela Franco visitaron hoxe Sarela e manifestaron o seu compromiso coas entidades de servizos sociais que desenvolven "un labor que ten que ser recoñecido e apoiado polas institucións".

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e a deputada responsábel da Área de Benestar Social, Ánxela Franco, visitaron hoxe o novo centro de Sarela e manifestaron o seu compromiso coas entidades de servizos sociais que desenvolven "un labor que ten que ser recoñecido e apoiado polas institucións".

 

Na visita ás novas instalacións de Sarela, que contaron para a súa realización co apoio da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e Ánxela Franco quixeron coñecer de primeira man o labor que está a desenvolver na atención a persoas con dano cerebral e analizar conxuntamente as demandas para a mellora dos servizos que a entidade ofrece entre os que se atopa o centro de día, terapia ocupacional ou rehabilitación.

 

"Pretendemos ter coñecemento de primeira man do traballo que están a desenvolver que é fundamental para a área de Santiago ademais de contribuír a visibilizar ás persoas afectadas de dano cerebral de cara a construír unha sociedade máis humana, sensible e xusta", sinalou Goretti Sanmartín. A visita foi tamén encontro coas persoas que diariamente asisten as distintas actividades que ofrece Sarela no seu centro de día que, segundo valorou, "conta con moitísimas potencialidades e no que poderá incrementarse o número de persoas usuaria e as posibilidades para as usuarias".

 

A responsábel de Servizos Sociais da Deputación, Ánxela Franco valorou o "grande avance" que supón a apertura dun centro moderno e con multitude de posibilidades para as distintas actividades terapéuticas como unha piscina climatizada, ximnasio, espazo de informática ou salas de recuperación multimedia pero reclamou compromiso por parte da Xunta á hora de concertar un maior número de prazas.

 

"Non podemos esquecer que esta entidade dá servizo a toda a área sanitaria de Compostela e ten capacidade para 40 persoas usuarias no seu centro de día polo que existe aínda posibilidade de aumentar o número de prazas concertadas", explicou Ánxela Franco ao tempo que mostrou o seu recoñecemento ao labor desenvolvido por Sarela non só coas persoas afectadas directamente de dano cerebral senón tamén polas súas familias. "Estamos a falar das persoas usuarias mais tamén das familias para as que contar cun centro como este é de vital importancia. Desde a Deputación tendemos a man á Xunta para remar na mesma dirección. Se o centro está preparado para atender a 40 persoas é importante que se cubran, porque o centro ten que estar ocupado e ser sostíbel", engadiu.

 

O presidente da Asociación Sarela, José Balboa, agradeceu a visita e a achega da Deputación para que o proxecto de centro actual se convertese en realidade. "Ademais dos usuarios do centro de día, por estas instalacións pasan cada día arredor de 60 ou 70 persoas que acoden aos servizos de logopedia, fisioterapia ou terapia ocupacional ás que atendemos para contribuír a unha maior calidade de vida", sinalou no transcurso da visita na que tamén participaron, ademais de varios profesionais do centro, a vicepresidenta Concha Otero e o secretaria da asociación e á vez presidente de Fegadace e de Fedace, Luciano Fernández.

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información