Martiño Noriega destaca o traballo e as instalacións de Sarela

26/01/2016

Sarela trasladou ao alcalde de Santiago a necesidade de axilizar os trámites que permitan a utilización completa do novo centro

Esta mañá o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas sociais, Concha Fernández, visitaron o novo centro da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela para coñecer o traballo que nel se realiza así como as principais necesidades que ten na actualidade. No encontro participaron por parte de Sarela o seu presidente, José Balboa, e a súa vicepresidenta, Concha Otero.

 

Na actualidade Sarela, que acaba de cumprir 15 anos, atende a 23 persoas usuarias do centro de día e unhas 40 máis realizan algún tipo de terapia. Durante a visita, Martiño Noriega e Concha Fernández coñeceron de primeira man o labor que as profesionais de Sarela -un equipo formado por especialistas en psicoloxía e neuropsicoloxía, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, traballo social e educación social- desenvolven nas novas instalacións. Alcalde e concelleira recoñeceron a calidade das mesmas, con salas especializadas como a de fisioterapia ou a multisensorial, pero sobre todo a alto nivel asistencial de Sarela grazas á súa profesionalización e planificación.

 

Peticións da asociación

 

Pola súa banda o presidente de Sarela, José Balboa, e a vicepresidente, Concha Otero, trasladaron ao alcalde e concelleira algunhas das necesidades que Sarela ten e que son de competencia municipal.

 

Neste sentido, Sarela precisa axilizar os trámites administrativos para a obtención das licencias que dependen do Concello como son a de primeira ocupación e apertura. A pesar de non levar unha demora excesiva desde a súa solicitude, a súa ausencia impide a Sarela facer un uso completo das instalacións como son o ascensor e polo tanto toda a planta superior e a piscina terapéutica. A súa posta en funcionamento permitirá crear novas prazas e servizos de atención ás persoas con dano cerebral adquirido. O alcalde amosou sensibilidade co problema e vontade de acelerar todo o posible esta tramitación.

 

A directiva de Sarela tamén solicitou ao Concello a cesión dunha parcela anexa ao centro para fines de ocio e tempo libre e que xa fora pedida ao goberno anterior. Outra das peticións realizadas foi a de incluír o Centro Sarela nas guías de recursos municipais como recurso único e específico de atención ao DCA (Dano Cerebral Adquirido). Por último, Sarela trasladou a necesidade de facer un esforzo de limpeza e acondicionamento do entorno do centro dado o estado de abandono do Sunp-14.

 

    26/12/15 Visita do alcalde de Santiago Martiño Noriega 26/12/15 Visita do alcalde de Santiago Martiño Noriega 26/12/15 Visita do alcalde de Santiago Martiño Noriega 26/12/15 Visita do alcalde de Santiago Martiño Noriega

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información