“Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema”

05/10/2019

FEGADACE organiza no mes de outubro un ciclo de cine sobre a discapacidade e a inclusión que traerá a Santiago tres películas nas que se aborda, desde diferentes puntos de vista, o dano cerebral adquirido. As cintas poderán verse no Auditorio Sede Afundación os días 16, 23 e 31 ás 19 horas.

'Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema' é unha aproximación fílmica ao tratamento da inclusión e da discapacidade do cine. Seis sesións, dúas cidades e tres películas nas que se aborda, desde diferentes puntos de vista, o dano cerebral adquirido.

Todas as proxeccións comezan co pase dun vídeo elaborado por FEGADACE e o ilustrador Miguel Gallardo, 'O mundo púxose ao revés', e rematan cunha sesión de debate sobre a relación entre a película e o tratamento que fai da discapacidade.

Este proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración de Afundación. Ademais, profesionais de ADACECO e Sarela van moderar as sesións de debate e resolver calquera dúbida sobre o tratamento do dano cerebral nas tres películas seleccionadas:

 

Anxos sen paraíso (A child is waiting. John Cassavetes, 1963). 102 m. VOSE

31/10/2019 ás 19:00

Jean Hansen é profesora nun colexio para nenos con necesidades especiais no que coñece a Reuben, a quen enche de atención e agarimo, o que lle crea problemas co director do centro, que considera a súa actitude contraproducente. A película foi filmada nos anos 60 en colaboración co hospital de Pomona; o seu reparto está composto por nenos e nenas con diferentes discapacidades intelectuais e problemas de saúde mental.

 

O meu fermoso cerebro roto (My beautiful broken brain. Sophie Robinson & Lotje Sodderland, 2014). 86 m. VOSE

16/10/2019 ás 19:00

Reflexión autobiográfica sobre a fraxilidade do cerebro e os cambios na vida despois do ictus sufrido pola produtora de 34 anos Lotje Sodderland, que comezou a gravar o proceso de recuperación co seu móbil e deseguida pediu o apoio da documentalista Sophie Robertson. Conseguiron implicar tamén a David Lynch, que apadriña un filme no que a súa poética está presente para explicar a lesión cerebral e as súas secuelas e as sensacións que provocan.

 

Máis alá do espello (Más allá del espejo. Joaquim Jordà, 2006). 123 m. VO

23/10/2019 ás 19:00

En 1997 o director Joaquim Jordà tivo un ictus que cambiou totalmente a súa vida e a súa obra deixándolle dúas secuelas: agnosia e alexia. Entrou en contacto con Esther Chumillas, conquense de 18 anos con agnosia desde os 15 por causa dunha meninxite. Con ela, e con outras persoas con dano cerebral, constrúe un relato sobre como se percibe a “realidade” e sobre os retos de afrontar unha nova vida e de sobrepoñerse fronte á adversidade.

 

O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido (Miguel Gallardo & FEGADACE, 2019). 1,47 m. VO

Proxeccións ao inicio de todas as sesións.

A Federación Galega de Dano Cerebral e o ilustrador Miguel Gallardo xúntanse para elaborar unha peza audiovisual na que se poñen en relación as causas do dano cerebral adquirido coas súas consecuencias ou secuelas. O coñecemento que FEGADACE ten do dano cerebral e a experiencia en relatar a discapacidade de Miguel Gallardo conflúen para  resumir o enorme xiro vital que provoca o dano cerebral e como, con apoio, é posible facer unha nova vida.

 

Texto da noticia: web de Fegadace

 

 

pdf
Categorías: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información