Unidades de Ictus en España

26/03/2014

Galicia conta con seis camas no Hospìtal de Santiago

Un ictus é un cadro clínico xerado pola interrupción repentina do fluxo sanguíneo nunha rexión do cerebro. Os ictus poden ser hemorráxicos (hemorraxias cerebrais, que se producen cando un vaso sanguíneo rompe no cerebro) ou isquémicos (infartos cerebrais, ocorren cando unha vena se obstrúe pola presenza dun coágulo de sangue).
 
Ata o 78% dos casos de Dano Cerebral Adquirido (DCA) débense a un ictus, converténdose na principal causa desta discapacidade e a segunda causa de morte en España.
 
Cando se detecta algún dos síntomas do ictus: perda de forza na metade do corpo, perda de visión ou visión borrosa, e dificultade para falar ou entender; hai que avisar a unha ambulancia a través do 112. Se na túa provincia existe unha Unidade de Ictus activarase o Código Ictus, que facilitará a intervención sanitaria: canto máis rápido se atenda un accidente cerebrovascular, máis posibilidades haberá de minimizar as súas consecuencias.
 
Unha Unidade de Ictus é unha zona do hospital cunha media de 4 ou 5 camas dedicadas exclusivamente á atención do ictus. Coa activación do Código Ictus, á chegada do paciente ao hospital o equipo de profesionais xa está listo para realizar un diagnóstico e unha intervención de urxencia para, a continuación, iniciar un seguimento neurolóxico do paciente: obsérvase a tensión, o pulso, a febre, os niveis de azucre, o nivel de conciencia, a capacidade de comunicación e as funcións motoras. Os controis realízanse aproximadamente cada catro horas para vixiar a evolución do paciente e avisar ao neurólogo de garda no caso de que haxa alteracións. Este seguimento do paciente esténdese ata unhas 72 horas. Habitualmente, tras este período o paciente é trasladado á sección de hospitalización convencional dentro da mesma unidade.
 
As Unidades de Ictus instauráronse no noso Sistema Nacional de Saúde a raíz da aprobación en 2008 da Estratexia Ictus, un plan que pretendía mellorar a atención e a prevención do ictus no noso país. O bo funcionamento das Unidades de Ictus está comprobado: por exemplo, en novembro de 2013, a Unidade de Ictus de Cáceres publicou que o 60% dos seus pacientes vivían de forma independente aos tres meses do accidente. A estancia nunha unidade de ictus reduce un 45% a mortalidade dos pacientes e diminúe a seis días o período medio de estancia hospitalaria.
 
Lamentablemente, a atención ao ictus aínda está marcada polo lugar onde se produza o accidente, xa que en España hai 47 Unidade de Ictus, cifra que provoca unha atención desigual e insuficiente no territorio. Segundo declaraba o doutor Jaime Gallego a EFE o pasado 15 de outubro, estas unidades supoñen un 60% do que debería de haber, xa que o ideal é unha cama por cada 100.000-70.000 habitantes. Malia este ratio, 16 provincias de máis de 300.000 habitantes non teñen Unidade de Ictus. Gallego destacaba que na Comunidade de Andalucía "faltan moitas" e que A Rioxa non dispón de ningunha.
 
Esperamos que a implantación deste tipo de Unidades se manteña ata o punto de ofrecer unha atención accesible por igual para todos os cidadáns. Neste mapa elaborado pola SEN podedes atopar a ubicación das Unidades de Ictus en España.
 
En Galicia contamos con seis camas na Unidade de Ictus do CHUS (Santiago), e o Sergas anunciou que proximamente se abrirá unha nova unidade na área sanitaria de Vigo.
 
Información e imaxes extraídas da páxina web de FEDACE.
 
Categorías: Dano Cerebral Adqurido , Ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información