"Unha cefalea pode ser un síntoma do ictus"

30/04/2014

Entrevista a José María Domínguez-Roldán, xefe de Medicina Intensiva do hospital Virgen del Rocío.

O currículo do doutor José María Domínguez-Roldán ben podería ocupar varias páxinas. Este especialista é xefe da Unidade de Medicina Intensiva do hospital Virgen del Rocío de Sevilla e, entre outros cursos, realizou o 'Ethical Decision Making in Complex Cases' na Berkeley University de California e o 'Bioethics for Beginners' na Oxford University, no Reino Unido. Participou na segunda edición de conferencias do Instituto Chárbel sobre o dano cerebral, un foro que reúne a profesionais especialistas na intervención e o tratamento nas unidades de coidados intensivos do dano cerebral adquirido, e que se celebra en Jerez. 
 
-As enfermidades cerebrovasculares constitúen a terceira causa de morte no mundo occidental e a primeira causa de invalidez permanente entre as persoas adultas. Temido ranking... 
 
-Efectivamente é así, pero a poboación non é aínda o suficientemente consciente disto. Ata fai non demasiados anos, as enfermidades cerebrovasculares eran unhas enfermidades que se asociaban á desesperanza. Tíñanse, viñan, tiñan pouco tratamento, pouco diagnóstico e eran moi 'á evolución natural'. E iso facía que fosen unhas enfermidades non demasiado interesantes para os profesionais e moi temidas pola poboación. Actualmente, como o desenvolvemento tecnolóxico favoreceu tanto a este terreo, xa non se asocian á desesperanza, senón que son enfermidades tratables e cuns resultados funcionais íntegros ou con discapacidades menores. 
 
-Di que era pouco interesante para os profesionais, así que entendo que para a investigación tampouco eran atractivas... 
 
-Non o eran, pero agora si. Agora estase tomando moitísima conciencia de que realmente son enfermidades rendibles desde o punto de vista da abordaxe da saúde. Por exemplo, dentro destas enfermidades, a máis frecuente é a isquémica, e ata fai uns anos non había un tratamento especial. Actualmente hai un tratamento urxente, como o que ten un infarto de miocardio, e en moitas ocasións cun tratamento de fármacos intravenosos ou intraarteriais, repermeabilízase esa arteria e, xa que logo, ese territorio cerebral queda indemne ou cun déficit mínimo. Na fase aguda avanzouse moito e iso abre unhas esperanzas extraordinarias. 
 
-Afecta máis a mulleres ou a homes? 
 
-Depende da enfermidade. Por exemplo, nas hemorraxias subaracnoideas, é un 4 a 1 máis frecuente en mulleres, e ademais en mulleres relativamente novas. 
 
-Cales son os factores de risco que o favorecen? 
 
-En xeral son factores de risco cardiovasculares. A hipertensión, a arteriosclerose e o tabaquismo son os factores máis frecuentes. Non tomamos en serio a presión arterial ata que non temos un día 'malo', por exemplo, cun mareo ou cunha dor de cabeza intensa. Non temos a cultura de facer unha prevención desta enfermidade, que en países máis desenvolvidos vai incluída. Que pouca xente nova fai chequeos!, e se o fixeran posiblemente detectariamos precozmente moitísimos deses factores. Nos últimos dez anos a prevención do infarto de miocardio tomou un cariz máis relevante, mentres que a prevención do ictus aínda non, e digo aínda porque estou convencido de que en poucos anos terao. 
 
-Aos chequeos habería que sumarlle a coñecida 'vida sa'... 
 
-Unha dieta cardiosaudable. Malia que queda moi bonito iso da 'dieta mediterránea', non sempre é cardiosaudable. 
 
-A dor no peito ou no brazo esquerdo pode ser o aviso dun infarto cardíaco, pero que síntomas aparecen co ictus? 
 
-En moitas ocasións simplemente unha cefalea, noutras unha cegueira transitoria... Ese tipo de síntomas ás veces banais son absolutamente importantes, porque o que si está claro é que as enfermidades vasculares son 'tempo-dependentes', canto antes se aborde o tratamento, mellor é o resultado. 
 
-Con todo, en Urxencias unha dor de cabeza non adoita ser unha prioridade... 
 
-Excepto nos hospitais que teñen o 'código ictus'. Nos servizos de Urxencias nos que está funcionando adecuadamente o que se chama a triaxe, faise mesmo sen que estea o médico. Un enfermeiro veo e é capaz de detectar se é un síntoma dunha enfermidade cerebrovascular ou non, e activa o código. Pero reitero, moitas veces é a poboación a que tarda máis en avisar ao 061 ou a acudir a Urxencias, que logo os tempos nos hospitais que teñen o código. O ictus é unha enfermidade que pode ser previble, non ao 100% porque ninguén está exento de nada, pero é previble claramente. 
 
-Se importante é a detección e atención, non queda atrás a rehabilitación dos pacientes. 
 
-É fundamental e foi outro dos grandes avances. Traballo nunha Unidade de Coidados Intensivos neurolóxica e non consideramos que o enfermo neurolóxico sexa de ningunha especialidade concreta, senón que nos corresponde a todos, é unha cadea de saúde. O produto final 'saúde' depende do traballo sincronizado. Quen non o entenda así, é que non entende como é a enfermidade. E a rehabilitación é imprescindible. 
 
-Hai programas especiais para esta rehabilitación? 
 
-A rehabilitación é inmediata. Por exemplo, na nosa unidade o rehabilitador é avisado ao día seguinte de que o paciente chega e empeza a velo ata o final. Este era outro dos conceptos que foi cambiando. Antes pensábase que o enfermo que saía do hospital só tiña que facer uns movementos de brazos e non. Hai moito máis e moi necesario. 
 
-Hai suficientes axudas para que o tratamento siga en casa? 
 
-Non, hai que pelexalo un pouco máis e ás veces non se consegue. Así como a cobertura da Seguridade Social inclúe unha boa parte do tratamento, no tema da rehabilitación non está ben cuberta. Imos evolucionado e aínda o noso país non incorporou a rehabilitación aos centros públicos de modo adecuado, sobre todo a rehabilitación cognitiva. 
 
-É a enfermidade cerebrovascular outra das 'enfermidades do século XXI'? 
 
-Sen dúbida, son predominantes. Confío, non sei se o chegarei a coñecer, en que aos poucos vaia baixando a incidencia, porque o tratamento sexa mellor.
 
*Información extraída do Diario de Jerez e imaxe recollida de Pixabay con licenza CC0 1.0.
 
Tags: ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información