Tom Shakespeare e o realismo revolucionario

27/02/2014

Un sociólogo inglés con discapacidade defende un honesto "realismo revolucionario".

Tom Shakespeare é doutor en ciencias sociais pola universidade de Cambridge, é experto en discapacidade, xenética e bio-ética -campos nos que publicou varios artigos e libros-, ten un blog moi interesante no que escribe biografías de retróns famosos e non tan famosos, é o terceiro baronet de Lakenham (aínda que non usa o título), está posiblemente emparentado co famoso escritor William Shakespeare, foi investigador en importantes universidades do Reino Unido, traballa para a Organización Mundial da Saúde e é profesor na universidade de East Anglia.

 

Ah, si, case o esquezo: ademais disto tamén ten acondroplasia (enanismo, para os amigos) e paraplexia.

O CERN (European Organization for Nuclear Research) é o maior laboratorio do mundo de física de partículas, está financiado por un consorcio de 20 países europeos máis Israel, atópase preto de Xenebra, na fronteira entre Francia e Suiza e tivo unha gran repercusión mediática recentemente pola observación en 2012 dun bosón compatible co predito polo modelo de Higgs (unha importantísima peza, ata entón faltante, do modelo estándard de partículas).

 

E que ten que ver unha cousa coa outra? -preguntarédesvos.

 

Pois que o CERN ten un sólido programa de fomento da diversidade (de xéneros, de razas, de idades e tamén de discapacidades) e en maio do ano pasado Tom Shakespeare deu unha charla incrible no marco deste programa. (Grazas a Diego Blas pola pista).

 

A charla está en inglés (aquí podédela ver enteira) e xa sei que o idioma oficial do blog [refírese a De retrones y hombres] é o español, pero non me podo resistir a comentala dada a súa gran calidade.

 

(Por certo, se non sabes inglés, non sei a que esperas para poñerte a aprendelo. Non se pode comprender o mundo de hoxe sen falar este idioma. Pódenos gustar máis ou menos o feito, pero un feito, de feito, é)

 

Á marxe da obvia intelixencia que se percibe nas súas palabras, o fundamental da visión de Tom é o seu realismo.

 

Pero un realismo que non é conformismo. Nada máis lonxe da realidade. Tom participou de innumerables movementos sociais, leva máis de 20 anos de intenso activismo e conseguiu avanzar os dereitos das persoas con discapacidade posiblemente moito máis que calquera outra persoa que nos veña á mente. Tom abandeira e explica cunha claridade notable todos e cada un dos principios que os grupos máis avanzados e progresistas defenden nos seus idearios: o cambio dunha noción médico-rehabilitadora a unha noción social e de diversidade da discapacidade, o énfase en que é unha cuestión de dereitos e non de caridade graciable, o recoñecemento de que moitos dos problemas que sofren os discapacitados proveñen das decisións que a sociedade toma e non da propia discapacidade, a opinión de que a educación ha de ser inclusiva, ou a certeza de que non se pode arranxar o problema sen contar coa opinión e a experiencia das propias persoas con discapacidade -"Nada sobre nós sen nós."

 

Tom sabe -e non para de repetir!- que o mundo é un lugar hostil para as persoas con discapacidade, que isto é moralmente reprobable e loita constantemente por cambiar as cousas. O seu realismo é, xa que logo, un realismo revolucionario -se se me permite a expresión. Pero realismo á fin e ao cabo.

 

Por exemplo, nun momento Tom fala da linguaxe e fai unha reflexión moi aliñada con algunhas cousas que eu mesmo comentei aquí. A saber, que é mellor utilizar o término "persoa con discapacidade" que "discapacitado", xa que o primeiro fai énfase en algo que é un feito: que a discapacidade só é unha característica máis desa persoa (ademais, quizais, de home, europeo, de clase media, heterosexual, coleccionista de selos, incha do Getafe e habitual dos gases intestinais) e non a única. Á vez que explica isto, Tom sitúase claramente en contra de termos irreais e boístas como "persoas con capacidades diferentes" -como adoita dicir o meu socio, "diferentes como voar?".

 

Moi relacionado con iso, aínda que Tom fai un grande énfase en que moitos dos problemas que teñen as persoas con discapacidade proveñen de como construímos a sociedade, tamén deixa ben claro que non todos proveñen de aí. Que a discapacidade existe e non ten sentido negala, que é orixe de limitacións intrínsecas (apunta nun momento que non cre que haxa xente con síndrome de Down entre os científicos do CERN) e que, en moitos casos, é unha fonte de complicacións. Está a favor do aborto (aínda que recoñece que é algo persoal) e por iso ve lóxico que unha muller poida decidir abortar se o neno vén retrón, pero tamén matiza que sería bo que todo o mundo saiba (incluíndo esta hipotética muller) que unha persoa con discapacidade pode florecer e brillar se se dan as condicións para iso -as condicións por cuxa universalización el mesmo está loitando a brazo aberto.

 

E moitas interesantísimas consideracións máis.

 

En definitiva, o realismo revolucionario de Tom é unha actitude que di: "Analicemos friamente a situación, recoñezamos con claridade quen están oprimidos e por que e loitemos con intelixencia por cambiar as cousas. Pero non nos enganemos a nós mesmos con panos quentes, con ficcións boístas que non representan a realidade e non levan a ningunha parte."

 

Unha actitude que non podo máis que subscribir, xa que é tamén a miña.

 

*Artigo de Pablo Echenique-Robba publicado no blog De retrones y hombres

*O blog utiliza o termo inventado "retrón" para referirse ás persoas con discapacidade; os autores din que escolleron esta palabra "para facer énfase en que nos importa máis que nos dean o que nos deben que o nome co que nos chamen".

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información