María durante unha das actividades no servizo de atención diúrna terapéutica con motivo do Día do Libro

“Se non fas nada trala xubilación avellentas moitísimo antes. É moi importante mentalmente estar en contacto con realidades diferentes”

03/05/2017

María Tilve é mestra xubilada e comparte desde hai cinco anos parte do seu tempo con nós como voluntaria. Preocupada pola discapacidade xa durante a súa etapa no ensino, decidiu colaborar con Sarela cando tiñamos o centro ao carón da súa casa.

Queremos presentarvos a María Tilve. Veciña do barrio das Cancelas e mestra xubilada, comparte desde hai cinco anos parte do seu tempo con nós como voluntaria do servizo de atención diúrna terapéutica. Preocupada pola discapacidade xa durante a súa etapa no ensino, decidiu colaborar con Sarela cando tiñamos o centro ao carón da súa casa. Ela recomenda a todas as persoas con tempo libre, sobre todo xubiladas, a manterse activos a través do voluntariado.

 

Desde cando colaboras con Sarela?

Despois de tantos anos dedicándome ao ensino conto os anos por cursos e este é o quinto despois de xubilarme en 2012.

 

E unha vez retirada non tiveches a tentación de descansar?

Para nada. O mundo do traballo é duro pero sempre estás en contacto coa realidade e no meu caso coa xuventude. Eu penso que cando te xubilas, se te vas para casa e non fas nada faste vello moitísimo antes porque perdes todos contactos que che dá o traballo e estar ao día do que está pasando ao teu redor. Estando ben fisicamente, eu creo que é moi importante tamén mentalmente estar en contacto con realidades diferentes. Créoo firmemente.

 

Como chegas a Sarela?

Eu vivo no barrio das Cancelas e o primeiro centro de Sarela, que estaba na rúa do Ceo, quedábame ao lado da miña casa. Cando fun a Sarela a primeira vez foi por unha cuestión de proximidade. Non coñecía a asociación e un día fun por alí e falei con Eugenia, que é traballadora social, e ofrecinme para axudar. E aquí sigo.

 

Coñecías algo do dano cerebral adquirido?

Non. Eu cheguei a Sarela, como digo, primeiro por proximidade pero despois hai outros factores e inquedanzas persoais. Nos moitos anos de profesión no ensino dediquei moito tempo e enerxías ao tema da discapacidade, sobre todo para conseguir recursos, melloras etc. O tema da discapacidade é un tema que sempre me preocupou porque no sistema escolar eran e son os abandonados, e máis agora nos tempos da crise.

 

Que fas como voluntaria?

Ultimamente axudo nas visitas semanais que facemos biblioteca pública Ánxel Casal pero creo que axudo pouco (risas) porque aqueles aparellos funcionan tan mal que non os dou conectado. Agora en serio. É unha actividade na que ves gozar moito á xente; é moi gratificante acompañar a persoas como Carlos, Soco ou Víctor e ver como disfrutan alí.

 

Que lle dirías á xente para que colabore como voluntaria?

Eu animo a todas as persoas, por exemplo da miña idade, a participar en entidades deste ou doutro tipo no voluntariado. Eu aprendín moito en Sarela. Por exemplo, eu tiven que desmontar un esquema mental que traía do mundo do ensino e que ten que ver co contacto físico. No ensino hai que ser moi prudente con ese tema e cando cheguei a Sarela eu alucinaba coa proximidade e o contacto físico. Foi un “desaprendizaxe” e agora procuro ter ese contacto, esa proximidade, porque me gusta.

 

Cambiouche a visión que tiñas da discapacidade?

Si que cambia a percepción. Faiche relativizar moitas cousas. Aprendes a romper con certos medos que che impiden aproximarte ás persoas; a pedir por exemplo que che repitan as cousas se non entenden por medo a ofendelas etc.

 

Que pensas da evolución de Sarela?

O cambio que máis me chama a atención nestes anos, máis aló do cambio de local ao pasar dun garaxe como quen di a este centro, é o perfil das persoas usuarias. Eu coñecín unha Sarela con persoas máis autónomas. Nestes cinco anos o perfil variou moito. Por outro lado o centro agora é unha marabilla. Antes, por exemplo, despois dunha actividade puñamos a mesa cuns taboeiros e unhas patas ... era todo artesanal ... agora os medios son especializados e iso nótase na comodidade.

 

Un desexo para o futuro …

Que sigades acollendo tan ben ás persoas usuarias e ás que nos achegamos por aquí.

 

 

Categorías: Voluntariado
Tags: voluntariado

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información