Unha das salas de formación do Centro ocupacional

Sarela suma un novo servizo co Centro ocupacional

12/01/2017

Botou a andar coas sete primeiras persoas usuarias co obxectivo de favorecer a súa máxima autonomía e independencia a través da ocupación e do emprego. Para iso é fundamental o traballo individualizado con cada persoa.

Favorecer a máxima autonomía e independencia da persoa a través da ocupación e do emprego ordinario ou de apoio. Ese é o obxectivo fundamental do Centro Ocupacional Sarela.

 

O novo servizo botou a andar coas sete primeiras persoas usuarias co obxectivo de superar o modelo de centro baseado en obradoiros. Para iso é fundamental o traballo individualizado con cada persoa.

 

Nese itinerario personalizado é esencial a valoración inicial da experiencia, formación, vocacións, etc de cada persoa. Neste momento tamén se detectan as súas necesidades de formación.

 

A partir de aquí iníciase a pre-busca activa de emprego onde abordamos aspectos como a elaboración do currículo, as entrevistas, os recursos para a busca de emprego (webs, empresas de traballo temporal etc). Nesta fase tamén se realiza o seguimento da formación que a persoa realice como é a preparación de oposicións, formación regrada etc.

 

O programa individualizado de inserción remata coa busca activa de emprego, sempre co noso acompañamento.  Sarela fará tamén unha prospección nas empresas do entorno para detectar oportunidades de ocupación.

 

En caso de atopar emprego, o seguimento seguirá durante o tempo necesario ata acadar unha adaptación plena.

 

En todo momento vanse traballar habilidades sociais e instrumentais importantes para ter unha vida laboral normalizada como son o uso de medios de transporte, aprender a estruturar o tempo, trámites administrativos etc.

 

Noelia Parente. Coordinadora do centro ocupacional Sarela

Noelia Parente

Educadora social e coordinadora do Centro Ocupacional Sarela

 

Que fai diferente o Centro Ocupacional Sarela?

Queremos afrontar directamente o reto enorme que é atopar hoxe emprego, sobre todo, cando tes unha discapacidade. Pero o noso enfoque vai máis aló da realización dos habituais obradoiros. Buscamos a vida independente e a integración na comunidade e por iso traballamos aspectos como son as habilidades sociais e ocupacionais.

 

Miguel Framil. Usuario do centro ocupacional

Miguel Ángel Framil

Usuario do Centro Ocupacional e voluntario no Centro de Día

 

Por qué é importante para unha persoa con DCA buscar unha ocupación?

Cando tes unha discapacidade é moi fácil perder a túa rede social e acabar pechado na casa. Os anos pasan rápido e pregúntaste: é isto o que vou ter o resto da vida? Por iso hai que estar activos, sexa traballando,  participando na sociedade como voluntario, buscando formas de lecer etc. 

 

O SADOC (Servizo de Atención Diúrna Ocupacional) conta coa colaboración da Fundación Once e do FSE (Fondo Social Europeo).

 

Tags: SADOC, emprego

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información