Sarela reclama unha estratexia nacional de atención ao DCA

26/10/2017

Como cada 26 de outubro Sarela celebra hoxe o Día do Dano Cerebral Adquirido con varias actividades para sensibilizar, reivindicar e dar visibilidade a esta discapacidade. O acto principal foi unha camiñada pola cidade vella de Santiago na que participaron unhas 100 persoas entre persoas con DCA, familiares, amigos/as da asociación así como representantes dos grupos políticos do Concello.

  • En España viven 420.000 persoas con esta discapacidade, 35.000 en Galicia. Cada ano danse 104.000 novos casos, dos que case 7.000 son galegos/as.
  • A maior parte das secuelas non se perciben a simple vista. Ademais dos problemas físicos a maior parte das secuelas son problemas de memoria, problemas de comunicación, alteracións da conduta, alteracións emocionais, estados prolongados de coma etc.
  • O  movemento asociativo do DCA reclama no seu manifesto medidas para garantir a continuidade asistencial unha vez as persoas con DCA saen do hospital e evitar o desemparo.

 

Como cada 26 de outubro Sarela celebra hoxe o Día do Dano Cerebral Adquirido con varias actividades para sensibilizar, reivindicar e dar visibilidade a esta discapacidade. O acto principal foi unha camiñada pola cidade vella de Santiago na que participaron unhas 100 persoas entre persoas con DCA, familiares, amigos/as da asociación así como representantes dos grupos políticos do Concello.

 

Ao remate da marcha, que finalizou ás portas da Casa do Concello na Praza do Obradoiro, leuse o manifesto redactado polo movemento asociativo para toda España e que se organiza en FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral). Despois da presentación e dos agradecementos trasladados por José Balboa, presidente de Sarela, un grupo de persoas con DCA, familiares e voluntarios da asociación puxeron voz e rostro aos principais problemas e reclamacións do colectivo coa lectura dun manifesto.

 

Este ano o título do manifesto é “Persoas con DCA e súas familias: realidades invisibles” e nel púxose o foco nos problemas que as persoas con DCA se atopan unha vez saen do hospital.

 

Como di o comezo do manifesto “en España viven 420.000 persoas invisibles (35.000 no caso de Galicia). Non sempre foron así. Tampouco elixiron selo. Tiñan unha vida en marcha (…) pero de súpeto, un ictus, un golpe na cabeza, ás veces un tumor cerebral, unha anoxia ou outras lesións no cerebro cambiaron os seus proxectos de vida. Ese momento é crítico: estas persoas, que aínda son visibles, conseguen salvar a súa vida grazas aos avances no ámbito sanitario. Salvar unha vida é un logro excepcional. Pero esta vida salvada, na maioría dos casos, abandona o hospital para ser invisible”.

 

Sarela, como outras asociacións do DCA, teñen chamado moitas veces a atención sobre o desamparo que experimentan as familias unha vez saen do hospital cando deberan ser parte beneficiaria dun proceso de atención especializado. Neste sentido, o movemento asociacitivo do DCA reclama neste 2017 crear a categoría diagnóstica “Dano Cerebral Adquirido” que poña en marcha este proceso a  alta hospitalaria.

 

O código diagnóstico, o impulso dun censo de persoas con DCA para dimensionar de forma adecuada os recursos necesarios e garantir a continuidade asistencial, son esenciais para alcanzar niveles de calidade de vida e inclusión social suficientes para as persoas con dano cerebral. Nese sentido hoxe na Praza do Obradoiro Sarela reclamou unha Estratexia Nacional de Atención ao DCA que permita poñer en marcha estas medidas de forma coordinada entre todas as Administracións implicadas na atención a colectivo.

 

Unha discapacidade invisible

Como se di anteriormente, segundo o estudio que realizou FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral) en 2015 en España viven 420.000 persoas con DCA e cada ano danse 104.000 novos casos. En Galicia esas cifras son de máis de 35.000 persoas e case 7.000 novos casos cada ano.

 

Estímase que até nun 89% dos casos de dano cerebral se producen secuelas que provocan dependencia. Aínda que se dan problemas físicos, a maior parte das secuelas teñen que ver con problemas de memoria, problemas de comunicación, alteracións da conduta, alteracións emocionais, estados prolongados de coma etc. Son secuelas invisibles, que non se perciben a primeira vista e que, a ollos de quen non coñece o DCA, resultan difíciles de entender. 

 

Outras actividades

Hoxe Sarela tamén organizou outras actividades como foi a instalación no Hospital Clínico e no Hospital do Barbanza de mesas informativas. Ao longo da mañá usuarias/as dos servizos da asociación, persoas asociadas, voluntarios e profesionais deron a coñecer o Dano Cerebral Adquirido, pautas para a súa prevención así como o labor de Sarela.

 

Accede ao final da noticia ao vídeo co resumo do día e ao manifesto, tamén na súa versión de lectura fácil e que foi elaborada de forma desinteresada polo Instituto Lectura Fácil.

 

 

pdf
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información