Sarela e OCA Hotels animan a participar no “Acendido solidario de Nadal” do Hotel Oca Puerta del Camino

26/11/2021

Hoxe presentouse a iniciativa de OCA Hotels na que participaron Lalo Crespo, director do Oca Puerta del Camino, e Luciano Fernández, secretario de Sarela. As luces do Nadal acenderanse no hotel o 2 de decembro, a partir das 18:00 horas. Haberá animación infantil, música e chocolate con churros. O donativo de 4€ será entregado integramente a Sarela.

Na presentación o director do OCA Porta do Camiño, explicou que “enmarcamos o noso acendido deste ano na semana da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro), como un claro xesto de visibilización deste colectivo. E neste caso, desta entidade santiaguesa. Non só de todo o traballo que fan as persoas que conforman Sarela, senón, e principalmente, de que é o dano cerebral e cales son as súas consecuencias”.

 

Pola súa banda, Luciano Fernández, secretario de Sarela, agradeceu a proposta e valorou positivamente este tipo de accións “porque permiten, que é o máis importante, dar visibilidade ao dano cerebral e ao traballo que levamos realizando durante os 21 anos (que se cumprirán o día 19 de decembro) e todo nun ambiente festivo e familiar. Desde Sarela insistimos en que somos unha entidade que naceu impulsada por familias con dano cerebral e que poñemos todos os nosos recursos ao dispor da cidadanía, non só compostelá, porque traballamos en toda a área sanitaria de Santiago”.

 

Á súa vez, quixo destacar que Sarela é hoxe na área compostelá unha das referencias entre os recursos especializados na atención ao dano cerebral, con servizos como os de rehabilitación, centro de día, ou de mellora da autonomía persoal, terapia acuática, atención ás familias etc.

 

Como afirman desde a cadea hoteleira, parte da responsabilidade social empresarial de OCA Hotels é integrarse nos destinos nos que se asenta. Colaborar con entidades que actúan en favor de colectivos vulnerables é parte diso. Desde a dirección da cadea lembran que “non podemos esquecer que calquera de nós é susceptible de en algún momento correr o risco de lesionarse, de diminuír as nosas capacidades e en definitiva de necesitar que toda a sociedade envórquese para que ninguén quede atrás”.

 

Quen desexe participar no acto pode facer a reserva no teléfono do hotel 981569400 e no correo reservas.puertadelcamino@ocahotels.es.

 

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información