• XSolidaria 2021 png

Noticias

Sarela cumpre 20 anos na súa defensa das persoas con dano cerebral

Sarela cumpre 20 anos na súa defensa das persoas con dano cerebral

Este sábado, 19 de decembro, Sarela cumpre 20 anos desde a súa fundación por parte dun pequeno grupo de familiares de persoas con dano cerebral. Nestas dúas décadas Sarela medrou e consolidou o seu papel central na atención ás persoas con DCA pero sobre todo foi fundamental para o recoñecemento institucional e social da que é primeira causa de discapacidade e dependencia en España.

 

Para José Balboa, presidente de Sarela, “o 20 aniversario chegou nun momento moi difícil socialmente e aínda máis para as persoas con dano cerebral adquirido, súas familias e as entidades do terceiro sector. Pero como nunca o tivemos fácil, esta nova situación non nos vai obrigar a dar un paso atrás na defensa destas persoas. Todo o contrario. Temos un equipo de familias e profesionais cunha gran capacidade de traballo e compromiso e esa é unha gran fortaleza.”

 

Sarela nace nun momento no que o dano cerebral non se recoñecía como tal no sistema sanitario e de atención e no que a primeira causa eran os traumatismos cranioencefálicos relacionados con accidentes de trafico e que afectaban a moita xente nova. Nese contexto, un grupo de familiares tomaron conciencia das carencias que existían á hora de continuar coa rehabilitación e atención unha vez regresaban a casa. A realidade é que moitas destas familias para ter continuidade asistencial tiñan que trasladarse durante meses a recursos de Cataluña e Euskadi.

 

 

9 de xaneiro de 2003. Inauguración do primeiro centro na rúa do Ceo.Na foto están: José Balboa (presidente de Sarela), Miguel Anxo García Álvarez (psicólogo clínico no CHUS), José María Hernández Cochón (Conselleiro de Sanidade), Mar Bernal (Concelleira de Servizos Sociais) e Javier Fernández (mozo con dano cerebral).

Os primeiros pasos

 

Deste xeito, e en colaboración con profesionais como Miguel Anxo García Álvarez (psicólogo clínico no CHUS), un pequeno grupo de persoas crearon Sarela no ano 2000 sendo presidente José Balboa. O primeiro grande obxectivo foi dotarse dunha sede na que poder prestar os primeiros servizos de atención e rehabilitación. En 2002 Sarela abriu un modesto centro na rúa do Ceo do barrio das Cancelas (inaugurado oficialmente o 9 de xaneiro de 2003) e que foi o primeiro recurso especializado en dano cerebral da área sanitaria con tratamentos de rehabilitación e de autoaxuda a familias.

 

Aqueles primeiros anos son lembrados pola súa intensidade e a base social da asociación medrou rapidamente e tamén as súas demandas de novos servizos. 2007 foi un ano moi importante ao crearse o Centro de Día para persoas con dano cerebral. A especialización da atención tivo o respaldo da Xunta de Galicia coa sinatura do primeiro contrato para 12 prazas públicas no centro de día.

 

18 de marzo de 2011. Colocación da primeira pedra do novo centro de Sarela.

 

O novo centro do Castiñeiriño

 

O centro da rúa do Ceo pronto quedou pequeno ao ter que convivir nel servizos como os de rehabilitación e centro de día. Partindo do principio de sustentabilidade e responsabilidade na xestión, comezouse a traballar para buscar un centro acorde coas necesidades crecentes e que tivo un impulso definitivo coa cesión por parte do Concello de Santiago dunha parcela no barrio do Castiñeiriño. A construción do novo centro comezou a finais de 2010 e abriuse en 2015.

 

Este magnífico centro foi o resultado da suma de esforzos e compromisos: do Concello de Santiago cedendo a parcela, da Deputación da Coruña e do Goberno de España implicándose na súa construción e equipamento e, o máis importante, de toda a cidadanía que grazas ao 0’7 solidario do IRPF achegou a maior parte do investimento. Pola súa banda, a colaboración da Xunta de Galicia foi importante no sostemento e medre da atención ás persoas coa sinatura dun novo contrato de11 novas prazas para o centro de día.

 

Cunha base de familias socias que superaba as 500, as novas instalacións permitiron prestar con maior calidade todos os servizos existentes á vez que se ampliaban as prazas públicas en centro de día, se creaban novos servizos como o de terapia acuática grazas á piscina accesible e o de orientación laboral. Paralelamente Sarela intensificou a súa presenza en concellos máis pequenos ao abrir puntos de información a familias na Estrada, Arzúa e Ribeira.

 

Como di Rocío García, psicóloga e directora de Sarela dende a súa creación, “Sarela creceu adaptándose ás necesidades das persoas e familias con DCA e pensamos que o fixemos de forma coherente. Así fomos abranguendo desde a rehabilitación, a atención diúrna, a atención infantil, a orientación laboral etc.”.

 

26 de outubro de 2019. Marcha con motivo do Día do Dano Cerebral.

 

Balance positivo

 

Sarela fai un balance moi positivo destas dúas décadas tendo en conta que houbo que traballar á vez na prestación de servizos especializados e na sensibilización social e institucional sobre unha discapacidade até ese momento invisible. Para José Balboa, presidente de Sarela, “o labor feito para consolidar a entidade foi enorme e iso redundou na situación das persoas con dano cerebral. E non quero esquecerme do esforzo realizado para construír un movemento asociativo en Galicia en torno a Fegadace xunto con Alento en Vigo, Adaceco na Coruña, Adace en Lugo e Renacer en Ourense”.

 

Neste sentido, a directiva de Sarela quere agradecer a todas as persoas -persoas con dano cerebral, familias, persoas voluntarias, profesionais propios e alleos, representantes institucionais etc- de todo o apoio recibido.

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Puede obtener más información en nuestra Política de Cookies.

Aceptar Rechazar