Sarela asina un convenio de prácticas coa empresa Airas Catering

19/05/2014

Para a formación dos mozos e mozas de Construíndo Futuro.

A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela asinou o venres un convenio de colaboración con Airas Catering, a través do cal mozos e mozas da entidade poderán facer prácticas nesta empresa de restauración para colectividades.

 

Este convenio de colaboración enmárcase dentro do proxecto Construíndo Futuro, concibido para promover a igualdade de oportunidades do grupo de mozos e mozas con dano cerebral adquirido de Sarela.

 

Fco. Xavier Freire Chico, en representación de Airas Catering, e José Balboa, presidente de Sarela, asinaron o acordo que rexe o convenio de prácticas. As persoas usuarias de Sarela poderán facer prácticas nos postos de auxiliar de cociña ou de mozo de almacén, durante un período de dous meses que se poderán prorrogar. Ao rematar recibirán un certificado que poderán empregar nos seus currículos á hora de buscar emprego no mercado laboral.

 

O convenio estréarse hoxe; un dos membros de Construíndo Futuro comezou esta mañá a traballar, por un período de dous meses, como auxiliar de cociña.

 

Airas Catering é unha empresa de servizos de restauración a colectividades que conta cunha cociña central desde a que elabora os produtos que logo se distribúen para a súa entrega a domicilio. Neste centro é onde se van desenvolver as prácticas profesionais dos mozos e mozas de Sarela.

 

O obxectivo principal do acordo é promover que os membros de Construíndo Futuro adquiran experiencia profesional coa que poderen acreditar a súa formación á hora de buscar emprego. Unha das motivacións deste programa é a inserción sociolaboral das persoas con dano cerebral, a través de accións que lles faciliten adquirir e poñer en práctica a experiencia profesional.

 

*Na imaxe do momento da sinatura están, de esquerda a dereita, Fuco Torrente e Fco. Xavier Freire Chico, de Airas Catering, José Balboa, presidente de Sarela, e Ana Ruiz, responsábel do proxecto Construíndo Futuro.

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información