Na elaboración da guía participou a educadora social de Sarela Noelia Parente (segunda pola esquerda) e profesionais de FEDACE, Adacea Alicante e Adace Castela a Mancha.

“Apostamos porque as persoas con DCA retomen o traballo pero iso require un proceso personalizado”

16/01/2019

A educadora social Noelia Parente é a coordinadora do Servizo de Atención Diúrna Ocupacional e orientadora laboral de Sarela. Recentemente participou na elaboración da primeira guía metodolóxica para a inclusión sociolaboral para persoas con dano cerebral adquirido xunto a outras entidades federadas en FEDACE. Ela explícanos o método de traballo que se deriva deste traballo así como é a situación que deben afrontar as persoas con DCA para reincorporarse a unha actividade.

A educadora social Noelia Parente é a coordinadora do Servizo de Atención Diúrna Ocupacional e orientadora laboral de Sarela. Recentemente participou na elaboración da primeira guía metodolóxica para a inclusión sociolaboral para persoas con dano cerebral adquirido xunto a outras entidades federadas en FEDACE. Ela explícanos o método de traballo que se deriva deste traballo así como é a situación que deben afrontar as persoas con DCA para reincorporarse a unha actividade.

 

“A necesidade dunha guía específica para a inclusión sociolaboral de persoas con DCA viña das propias especificidades desta discapacidade”, comenta Noelia Parente. “Por un lado, os avances sanitarios permiten salvar máis vidas (o exemplo máis claro está no caso do ictus) pero cada vez hai máis persoas que teñen secuelas que no caso do dano cerebral son diferentes, heteroxéneas e moitas veces invisibles”.

 

A dificultade de recuperar o posto de traballo anterior á lesión

 

O traballo dos servizos de emprego como o de Sarela comeza cando esa persoa recibe a alta, rematou a rehabilitación e as súas capacidades están estables. É dicir, na fase crónica. “Esas secuelas permiten moitas veces volver a traballar pero é certo que a maioría das veces non vai poder ser no posto que desempeñaba anteriormente”.

 

A “Guía metodolóxica de intervención e boas prácticas” articúlase en base a catro fases de intervención: a derivación desde outros recursos cara os servizos especializados en dano cerebral; a acollida e avaliación da persoa; a elaboración dun itinerario personalizado de emprego e acordo de obxectivos e, por último, a intermediación laboral e o acompañamento na incorporación ao novo posto.

 

Itinerarios personalizados de inserción

 

Noelia Parente destaca a importancia dos itinerarios personalizados. “Se isto é importante para calquera persoa que busca emprego no caso dunha persoa con DCA é imprescindible. Esta é unha discapacidade que chega sen avisar e a persoa ten adaptarse a unha nova vida, asumir a súas novas capacidades, rapidamente”.

 

“A reciclaxe profesional, a adaptación do perfil profesional, a adquisición de destrezas novas etc son aspectos moi complicados e específicos para cada persoa”, di Noelia. “É moi normal que unha persoa que non atopa traballo estea desanimada, baixa de estima etc. No caso dunha persoa con dano cerebral temos que sumarlle que ten que asumir que non volverá traballar nalgo que fixo ao mellor durante 20 ou 30 anos, que ten cargas familiares, que ten unha vida condicionada polas secuelas, que ten que formarse e buscar traballo en algo que non elixiu, etc”.

 

Traballar por obxectivos

 

“Para nós, e iso trasladámolo á guía, é importante traballar por obxectivos e recollelos nun acordo con esa persoa. É un compromiso de implicación polas dúas partes. A experiencia dinos que é bo ir pasando dun obxectivo pequeno a un maior, que pode ser a contratación. É unha forma de gañar seguridade e polo tanto autoestima”.

 

Noelia comenta que “a falta de seguridade moitas veces ven motivada pola incompresión que atopan na sociedade ao ter secuelas invisibles, sen signos físicos, como poden ser problemas de memoria, planificación etc. “Por iso é importante a intermediación e o acompañamento na inserción. Non só falamos de adaptar o posto e as función senón tamén facer pedagoxía sobre esas secuelas no entorno de traballo”.

 

Pensións cada vez máis baixas e medo a perdelas

 

Como orientadora laboral de Sarela, Noelia Parente destaca que a xente con discapacidades recoñecidas teñen necesidade de seguir traballando pois as pensións cada son máis baixas ao diminuír as bases de cotización. “Nós animamos á xente a traballar. É importante e non só polo aspecto económico”.

 

Neste sentido, Parente recoñece que tal como está actualmente o sistema de prestacións moita xente desiste polo medo a perder a pensión. “No caso de incapacidades recoñecidas como totais é posible compatibilizar a pensión cun traballo non centro especial de emprego ou a media xornada, sempre que se sigan uns trámites obrigatorios. No caso das absolutas tamén é posible compatibilizar pero neste caso poden revisar a incapacidade laboral”.

 

Degargar a Guía metodolóxica de intervención e boas prácticas na inclusión sociolaboral de persoas con dano cerebral adquirido.

 

Tags: FEDACE, SADOC, emprego

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información