Retos de Sarela para 2015

07/01/2015

Profesionais e persoas usuarias volven das vacacións de Nadal.

A Asociación de Dano Cerebral de Compostela volve hoxe ao traballo despois das vacacións de Nadal. Persoas usuarias do centro de día e profesionais retoman a actividade no horario habitual de Sarela; de luns a venres de 09:30 a 17:00. Son moitos os retos da asociación para este 2015. Preséntanse, a continuación, algúns deles:
 
1. Novo centro. Sarela afronta, este mes de xaneiro, o traslado ao novo centro do Traspaxonal. As novas instalacións están practicamente listas, e desde a vindeira semana o persoal da asociación comezará a levar paquetes para o centro. Sarela informará puntualmente do estado da mudanza e do traslado definitivo dos servizos e do centro de día á nova ubicación, así como do abandono do actual local do barrio das Cancelas. O centro de día medrará con dez novas prazas -que se suman ás doce actuais- e a calidade e cantidade dos servizos vai mellorar considerablemente grazas ás posibilidades que ofrece o novo centro, con espazos como a sala multisensorial.
 
2. Voluntariado. Unha persoa voluntaria é aquela que colabora desinteresadamente, de maneira altruísta, cunha asociación. O labor solidario do voluntariado é fundamental para Sarela, e a súa axuda moi importante para as persoas con dano cerebral adquirido. Sarela ofrece ás persoas que queiran ser voluntarias a posibilidade de aportar o seu gran de area para mellorar o benestar das persoas con dano cerebral adquirido. A asociación ten o reto, ao longo de todo o ano, de atopar persoas que queiran incrementar a súa participación social, que teñan -ou non- algunha habilidade especial e que dispoñan de unhas horas libres á semana.
 
Se en concreto alguén ten interese na práctica deportiva, Sarela ten activa unha oferta para facer voluntariado involucrándose no seu equipo de fútbol, que adestra todos os mércores de 19:00 a 20:00 horas.
 
3. Prevención. Abordar o dano cerebral desde antes de que se produza é unha das prioridades de Sarela. Insistir, en concreto, nas diferentes maneiras de previr e de detectar o ictus (que é a principal causa do dano cerebral), seguirá sendo unha das liñas de traballo da asociación. Así, cada último martes de mes Sarela levará a súa campaña de prevención do ictus a un centro de saúde ou ao Hospital de Santiago. Tamén está previsto desenvolver accións de sensibilización sobre seguridade viaria, dado que os accidentes de coche seguen sendo a segunda causa do dano cerebral.
 
4. Tenda solidaria. Reforzar a idea de que o consumo debe ser consciente e solidario, e amosar o traballo que se realiza nos obradoiros de manualidades de Sarela, serán retos para este 2015. Os produtos artesanais elaborados polas persoas con dano cerebral estarán expostos no novo centro da asociación, que tamén vai reforzar a súa tenda online.
 
5. Construír futuro. Reforzar o programa Construíndo Futuro, concibido para as persoas máis novas con dano cerebral, centrándose no apartado de inserción laboral, é outro dos retos de Sarela. A asociación pretende mellorar a experiencia laboral das persoas que fan parte do programa, conseguindo contratos de prácticas ou temporais co obxectivo de inserilas plenamente no mercado laboral. Así, mellorarase a participación da asociación no Pacto Mundial das Nacións Unidas, onde Sarela se relaciona con outras entidades e empresas preocupadas pola RSE (Responsabilidade Social Empresarial).
 
6. XV Aniversario de Sarela. Sarela fai quince anos en decembro de 2015. A asociación preparará, ao longo do ano, as actividades cos que vai conmemorar os seus quince anos de vida como unha das asociacións de dano cerebral decanas de Galicia e de España. Quince anos de ascensión e de consolidación de Sarela, sempre co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias.
 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información