Poñer a mesa para fomentar a autonomía persoal

24/09/2015

As persoas usurias de Sarela teñen múltiples responsabilidades no centro.

O programa de actividades do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica de Sarela inclúe diferentes tipos de ocupacións. Moitas delas fanse de maneira lúdica, están vinculadas ao lecer, articúlanse a través de xogos ou de outras rutinas reclamadas polas persoas usuarias. Pero tamén hai actividades, menos demandadas, coas que se debe cumprir no día a día, e que están baseadas no exercicio de responsabilidades.
 
Cada día, un equipo de usuarios e usuarias de Sarela encárgase de montar o comedor para a hora do xantar. Fan todo o necesario: colocan os manteis e panos de mesa, os cubertos, os vasos, reparten a auga... E aproveitan para ir tomando posicións en espera do servizo de catering. 
 
Un dos principais obxectivos da rehabilitación no dano cerebral adquirido é conseguir que as persoas desenvolvan as Actividades da Vida Diaria (AVD). Por unha banda están as Básicas, relacionadas co vestido, a hixiene, etc., e, pola outra, as Instrumentais. Estas engloban todo o relacionado co mantemento da casa, a planificación das compras ou a xestión do diñeiro, e aí é onde se enmarca a actividade de montaxe de comedor. Con esta responsabilidade refórzase a autonomía das persoas usuarias, ao desenvolveren as súas capacidades en AVD Instrumentais.
 
Ademais, as tarefas domésticas forman parte do día a día de calquera persoa, polo que practicalas axuda a orientarse e identificarse co contorno social de fóra da asociación. Trabállase e cóidase o espazo común, participando colectivamente no mantemento do que é de todos e todas, aportando o que se pode para o benestar dos e das demais. Mellórase a comunicación cos compañeiros e compañeiras, porque é unha actividade realizada en equipo, na que se reparten e organizan as tarefas seguindo unha orde.
 
Montar o comedor non é a única responsabilidade das persoas usuarias de Sarela. Tamén teñen que recoller as mesas ao rematar o xantar, facer a lista da compra, cambiar o papel hixiénico e de mans e o xabrón de todos os aseos do centro, e enviar as felicitacións de aniversario aos socios e socias.
 
    Montaxe de comedor Montaxe de comedor Montaxe de comedor Montaxe de comedor Montaxe de comedor

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información