• XSolidaria 2021 png

Noticias

Oito consellos contra os problemas de memoria

Oito consellos contra os problemas de memoria

Os problemas de memoria son unha consecuencia típica do Dano Cerebral Adquirido. En certo xeito, é un aspecto no que toda a contorna da persoa con DCA, tanto o profesional como o familiar, participa para a súa recuperación. Aínda que o neuropsicólogo é o responsable principal de avaliar o seu estado e de elaborar un plan de traballo específico para a rehabilitación da memoria.

 

Para axudar a unha persoa con problemas de memoria, deixámosvos oito pistas que podemos aplicar doadamente no noso día a día con ela:

 

- Darlle un carácter o máis lúdico posible ao noso apoio. Insistir con tarefas pesadas só logrará perder a colaboración do noso familiar.

- Acompaña de imaxes o falado. Podemos mostrar o obxecto do que falamos ou unha imaxe do mesmo para axudar a reter información.

- Recordar as cousas que hai nalgún lugar da habitación do lado pode ser un exercicio útil e fácil de facer.

- Hai persoas que utilizan post-its para recordar os nomes dos obxectos de uso diario ou cos que teñen máis dificultades.

- As axendas axudan a establecer rutinas e recordalas. Os diarios e as fotos a lembrar as cousas que nos pasaron. Un diario non é necesariamente o que escribimos tradicionalmente; o noso perfil de Facebook, utilizado activamente, tamén pode servir como tal.

- O día pode empezar coa lectura dalgunha noticia e comentándoa. Logo, ao final da xornada, podedes falar do que fixestes: que comestes, se visitastes a alguén, se fostes ao cine... Repasar un pouco como foi o día para retelo mellor.

- Os xogos son unha ferramenta para exercitar a memoria. Serven xogos de mesa e de cartas, así como tratar de recordar o máximo número de palabras dun tipo concreto (nomes de países, actores famosos, deportes, palabras que empecen por algunha letra en concreto...). Sempre tendo claro que, no fondo, para nós, non debe ser un xogo de competir, senón un exercicio que axude ao noso familiar (non importa gañar ou perder).

- Manter hábitos de vida saudable é outra axuda, tanto para reducir o risco de ictus como para paliar os problemas de memoria.

 

[Patricia Fernández, usuaria de Sarela, explica neste vídeo as técnicas que emprega para a memoria]

 

Estes consellos aparecen na nosa Guía de Familias, no capítulo 'Rehabilitación da memoria' (páxinas 97-99). Outra publicación de interese, da que xa falamos nalgunha ocasión, é 'Me falla la memoria', de Álvaro Bilbao; libro que axuda a comprender os problemas de memoria ofrecendo consellos e exercicios para unha boa saúde mental.

 

*Información extraída da páxina web da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE).
 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Puede obtener más información en nuestra Política de Cookies.

Aceptar Rechazar