O ictus, ou como eu podería ter dano cerebral

08/04/2014

Artigo de FEGADACE publicado en Compartir

A falta dun estudio epidemiolóxico serio e fiábel, os datos que manexamos sobre incidencia do dano cerebral adquirido indícannos que a súa causa, no 78% dos casos, é un ictus. Derrame, accidente cerebrovascular, infarto cerebral… son diferentes maneiras de denominar unha doenza que é a segunda causa de morte (primeira en mulleres) e principal causante do dano cerebral adquirido.
 
Unha das prioridades do movemento asociativo do dano cerebral é, pois, a prevención das causas desta discapacidade. Evitar que cheguen a entrar pola porta das asociacións persoas con dano cerebral, reducir ao mínimo a súa incidencia, son obxectivos que aumentan o seu nivel de prioridade.
 
O ictus non se pode evitar. Non existe unha vacina que o ille de nós. Pero conta cunha serie de factores de risco, dos que moitos se poden frear. Podemos non fumar ou consumir azucre. Outros non se poden evitar, pero si minimizar; non podemos evitar facer anos, pero si despregar estratexias para coidar o noso cerebro e envellecer activamente.
 
Factores de risco do ictus
 
Enténdese por factores de risco aquelas circunstancias que incrementan as posibilidades de que unha persoa teña un ictus. Os acelerados cambios no ritmo de vida das sociedades occidentais e a súa aceleración por causa da crise económica poden estar relacionados cun aumento da incidencia de moitos dos factores de risco do ictus.
 
Tanto a hipertensión como o colesterol complican as cousas a nivel cerebrovascular. Os dous están directamente relacionados coa incidencia de ictus; así como a diabetes. A alimentación é fundamental como elemento regulador dos nutrientes e enerxía cos que conta o corpo humano. Tamén á hora de regular a tensión e o colesterol. O consumo elevado de azucres, graxas (especialmente as saturadas e as trans) e, en xeral, unha dieta pouco equilibrada, incrementan o risco cerebrovascular. O crecemento das taxas de obesidade (xunto coa perigosa obesidade infantil) dan unha mostra do mal alimentada que está a nosa sociedade; tendencia na que o empobrecemento xeral da poboación provoca un aumento.
 
Estreitamente vinculado coa alimentación e coa obesidade, está o sedentarismo. Tamén cos cambios no modo de vida das sociedades chamadas “avanzadas”, altamente tecnificadas e con contornas urbanas pouco preparadas para o desenvolvemento do exercicio físico. Os nenos e nenas cada vez xogan menos ao aire libre. O 44% da poboación española non fai deporte nunca . O sedentarismo, ademais doutras consecuencias nefandas para a saúde, multiplica os problemas cardíacos, aumentando o risco de ictus.
 
O consumo de tabaco, alcohol e outras drogas son igualmente factores de risco do ictus. Prexudican a circulación do sangue e están directamente asociados coa súa incidencia. Estudos recentes alertan do aumento dos casos de ictus na poboación máis nova motivados polo consumo de cocaína.
 
Mencionados os cambios para mal no noso estilo de vida, só faltaba un dos grandes males modernos: o estrés. As présas, a urxencia, os ritmos de traballo acelerados, a insatisfacción… póñennos os nervios de punta e complícannos o ritmo cerebrovascular. A ansiedade tamén medra chanzos como factor de risco do ictus, e recentes estudos informan de que mesmo durmir pouco ou mal tamén nos predispón negativamente de cara ao ictus. 
 
Prácticas individuais: como previr os factores de risco?
 
Uns hábitos de vida saudábeis son un elemento indisensábel para aminorar os factores de risco do ictus. son a mellor resposta. Reducilos implica facer pequenos cambios cotiáns que axuden a solucionar cada un deses pequenos problemas.
 
Levar unha dieta equilibrada é a primeira medida. Desterrar os doces industriais e evitar os alimentos precociñados é un bo principio. As famosas cinco racións de froitas e verduras frescas ao día son unha boa pauta para continuar. Controlar o consumo de sal e tamén o de azucre, procurar manter o corpo hidratado con dous ou tres litros de auga ao día, freando o consumo de refrescos, e limitar as cantidades de alimentos inxeridos tamén axuda.
 
A chamada dieta mediterránea, baseada na abundancia de verduras, cereais e aceite de oliva, é unha referencia para levar unha alimentación saudábel. En Galicia temos como referencia a dieta atlántica, moi similar á anterior, pero cun especial protagonismo para o peixe fresco. Este é un alimento fundamental, pois conta con ácidos graxos omega-3, que lle fan moi ben ao cerebro.
 
Outros alimentos antioxidantes que o cerebro agradece gañando saúde e axilidade son as uvas, as mazás, as noces, o chocolate negro… Sen esquecer as bondades do té verde, e tamén do viño: un vaso ao día é unha recomendación unánime e unha dose axeitada para non abusar. 
 
Cómpre ter ollo co alcol e prescindir das drogas. O tabaquismo é outro dos grandes males para o equilibrio cerebrovascular. Deixalo é difícil, pero non imposíbel. No centro de saúde ou hospital de referencia pódese atopar información para abandonalo; e en internet, a Facultade de Psicoloxía da UNED axúdanos con asistencia online.
 
Folga sinalar que, ademais de todas estas pautas, as persoas con hipertensión, hipercolesterolemia e, aínda máis, diabetes, deben seguir os controis rutinarios e as recomendacións médicas pertinentes antes que calquera outra pauta.
 
Así e todo, unha boa alimentación, os controis médicos, prescindir das drogas, moderar o consumo de alcol e abandonar o tabaco son medidas que non chegan se non se cumpre cunha pauta fundamental: evitar o sedentarismo. Ou o que é o mesmo, facer exercicio; introducir a actividade física na vida diaria.
 
Ir ao ximnasio de vez en cando está ben, pero é aínda mellor facer algo de actividade física cada día. Ir camiñando ou en bicicleta ao traballo, escoller as escaleiras en vez do elevador ou as propias tarefas do fogar supoñen unha actividade física cotiá, que non nos quita moito tempo e fainos gañar en saúde. Se, ademais, saímos a camiñar –ou correr- media hora ao día, ou acudimos ao ximnasio dúas ou tres veces por semana, o noso equilibrio cerebrovascular vaise ver moi fortalecido.
 
Un estudo recente sinala que a risa fortalece o sistema inmunolóxico e reduce a ansiedade e o estrés ao liberar endorfinas . Empreguemos esta técnica para subverter todos os factores anímicos que tamén introducen risco de ictus, tentando relativizar os problemas e ter unha visión positiva sobre as cousas.
 
Entre todos e todas: como promovemos a prevención desde FEGADACE?
 
As asociacións galegas de dano cerebral temos clarísimas todas estas indicacións. Por iso estamos insistindo a cada pouco sobre elas. Organizamos xornadas e mercadiños, participamos en foros, colocamos postos informativos, impartimos sesións formativas, achegámonos aos centros de saúde e hospitais, editamos folletos, manuais e outras guías, e levamos o berro da concienciación a todos os lugares da sociedade galega onde somos quen de chegar.
 
A Federación Galega de Dano Cerebral intenta combinar estas campañas co aproveitamento das novas tecnoloxías. Internet conta cada día con máis persoas usuarias ás que non se pode perder a oportunidade de informar e facer tomar conciencia dos riscos existentes e das posibilidades de minimizalos. Así, aproveitamos as ferramentas actuais para estender a necesidade de prevención.
 
O II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral foi o escenario de estrea do vídeo ‘Eu podería ter dano cerebral’, no que conseguimos o respaldo de máis de vinte persoas representantes do colectivo médico, xornalístico, do terceiro sector e asociacionismo en xeral, da administración ou do deporte que nos axudaron a concienciar, desde as súas diferentes idades, discapacidades, traballos e hábitos sobre a necesidade de previr o dano cerebral. O ictus tivo un papel preponderante neste vídeo, que case chegou ás mil visitas.
 
Como plataforma para todas as mensaxes relacionadas coa prevención do dano cerebral, FEGADACE creaba hai case un ano o blog ‘Envellecer con DCA. Prevención da dependencia en persoas con dano cerebral adquirido’. Enmarcado nun proxecto de promoción do envellecemento activo, o blog converteuse nunha plataforma na que atopar –e propoñer- ideas para levar unha vida saudábel. Ten consellos para coidar o cerebro, información sobre novos tratamentos, recomendacións sobre alimentación e pautas para incrementar o noso nivel de actividade física. Pódense atopar nas seccións “Actividade física”, “Alimentación”, “Dano cerebral adquirido”, “Hábitos saudábeis” e “Innovación en tratamentos”.
 
‘Envellecer con DCA’ está aberto ao envío de propostas para tratar novos temas, diferentes consellos ou novidades que poidan axudar a previr o ictus, e tamén os demais factores de risco do dano cerebral adquirido.
 
Epílogo. Identificar o ictus e actuar canto antes!
 
Todo o mundo sabe que se ten unha dor aguda e repentina no peito pode estar sufrindo un infarto. As asociacións de dano cerebral queremos que se estenda da mesma maneira o coñecemento dos signos de alarma do ictus, de maneira que calquera identifique rapidamente unha dor de cabeza aguda e repentina, unha parálise nun só lateral do corpo ou a dificultade para falar ou entender o discurso como síntomas de alarma do ictus.
 
Se aínda despois de seguir todas estas pautas o ictus se presenta na túa vida, e identificas algún destes signos actúa canto antes. Chama ao 112 ou ao 061. Lembra: o tempo é cerebro.
 
*Artigo elaborado pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) para o boletín Compartir da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE).
 
Categorías: FEGADACE , Prevención

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información