Manifesto polo Día Internacional da erradicación da violencia contra a muller

25/11/2019

Un ano máis, a Fundación Cermi Mujeres fai público o manifesto con motivo do 25N. O Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) engloba a todas as entidades sociais da discpacidade en España.

25 de novembro de 2019

 

MANIFESTO

 

DÍA INTERNACIONAL DA ERRADICACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 

Un día como hoxe, 25 de novembro, tendo en conta:

 

  • Que este ano se celebra o 40 aniversario da adopción da Convención para a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW) e no seu Preámbulo recoñece explicitamente que as mulleres seguen sendo obxecto de importantes discriminacións e subliña que esa discriminación viola os principios da igualdade de dereitos e do respecto da dignidade humana.

 

  • Que a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade en vigor no noso país desde o ano 2008 recoñece no seu Preámbulo que as mulleres e as nenas con discapacidade adoitan estar expostas a un risco maior, dentro e fóra do fogar, de violencia, lesións ou abuso, abandono ou trato neglixente, malos tratos ou explotación.

 

  • Que o Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica do Consello de Europa está vixente no noso país desde o ano 2014.

 

  • Que o Obxectivo nº 5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable persegue poñer fin a todas as formas de discriminación contra as mulleres e nenas.

 

  • Que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero explicitamente recolle medidas específicas para abordar a violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade.

 

A Fundación CERMI Mujeres quere denunciar publicamente a situación na que se atopan miles de mulleres con discapacidade no noso país e en todo o mundo que sobreviven á violencia de xénero en todas as súas manifestacións: violencia económica, violencia laboral, violencia institucional, violencia psicolóxica, violencia física, violencia sexual, violencia simbólica…

 

A violencia contra as mulleres é unha violencia estrutural que se ceba dunha maneira moi particular coas mulleres con discapacidade, polo que cada asasinato dunha muller, cada golpe, cada denuncia presentada por violencia de xénero é un asunto de estado e así debe ser abordado polos poderes públicos.

 

Aínda hoxe, quince anos despois da entrada en vigor da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, seguimos sen contar con datos desagregados por sexo e discapacidade que nos permitan coñecer cal é a prevalencia da violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade. Coñecemos soamente o dato último e fatal das mulleres con discapacidade que cada ano son asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas: un 10% do total das mulleres asasinadas, aínda que sospeitamos que esta porcentaxe é máis alto, xa que moitas destas mulleres non contaban coa acreditación oficial da súa discapacidade.

 

Seguimos, ademais, adoecendo de infraestruturas totalmente inaccesibles para atender ás mulleres con discapacidade vítimas de violencia e mantemos intacto o noso ordenamento xurídico, a propósito de que o artigo 156.2 do Código penal recoñece as esterilizacións forzosas de mulleres coa súa capacidade legal modificada, a pesar de que recentemente o Comité de Nacións Unidas sobre os Dereitos das persoas con discapacidade reiterase a recomendación de abolir o devandito precepto legal.

 

Son moitas as cuestións que un día contra a violencia como o que hoxe conmemoramos móvennos a manifestarnos e esixir unha vez máis:

 

  • A ampliación do concepto de violencia contra as mulleres, que inclúa outros tipos de violencias machistas non contempladas na nosa Lei Integral, como poden ser as agresións sexuais, a trata con fins de explotación sexual ou as esterilizacións forzosas e os abortos coercitivos, que deberían estar prohibidos en cumprimento das recomendacións de Nacións Unidas e do Convenio de Istambul.

 

  • O impulso de protocolos de coordinación entre os principais actores involucrados na abordaxe da violencia machista: os corpos e forzas de seguridade do estado, os servizos sociais e sanitarios e as organizacións sociais especializadas na materia. Neste punto, o movemento asociativo da discapacidade, e máis concretamente as organizacións de mulleres con discapacidade, poden desenvolver un labor de acompañamento fundamental.

 

  • A garantía de accesibilidade universal nos centros de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, xulgados de violencia de xénero, campañas contra a violencia de xénero, folletos informativos… tal e como se recolle na Lei Integral de Medidas de Protección contra a Violencia de Xénero.

 

  • O desenvolvemento de accións de formación aos corpos e forzas de seguridade do estado, os servizos sanitarios e servizos sociais en materia de violencia contra as mulleres con discapacidade, para asegurar desta maneira unha atención adecuada a estas mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos.

 

  • A inclusión da variable de discapacidade en todos os rexistros oficiais sobre violencia de xénero.

 

  • A posta en marcha dunha macro-enquisa sobre a violencia da que son obxecto as mulleres e nenas con discapacidade así como mulleres as nais e coidadoras de persoas con discapacidade, que poida permitir valorar as actuais medidas lexislativas, administrativas e políticas xerais e específicas para a súa protección e recuperación das vítimas, tendo debidamente en conta os riscos concretos e os factores de vulnerabilidade, como a incapacitación legal, a institucionalización, a pobreza, a ruralidade, a idade e o tipo de discapacidade.

 

  • O impulso dunha política, dotada de orzamentos, de promoción da autonomía persoal dirixida a mulleres con discapacidade no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia.

 

  • O recoñecemento legal dun modelo de apoios na toma de decisións das mulleres con discapacidade que así o requiran, deixando atrás definitivamente o modelo baseado na modificación da capacidade xurídica, que aparece como un obstáculo insalvable á hora de defender os seus propios dereitos e acceder á xustiza.

 

  • En definitiva, o cumprimento de todas as medidas contempladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero dotando ao devandito pacto do orzamento necesario para que sexa unha realidade e non un mero papel mollado.

 

As MULLERES CON DISCAPACIDADE EMPODERADAS, VISIBLES E DIVERSAS REIVINDICAMOS O NOSO DEREITO A UNHA VIDA LIBRE DE VIOLENCIAS!

 

Nin unha menos

 

Fundación Cermi Mujeres

(Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade)

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información