• XSolidaria 2021 png

Noticias

Manifesto "Baixo o mesmo paraugas" con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Manifesto "Baixo o mesmo paraugas" con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 

SEGUE ESTE ENLACE PARA VER O VÍDEO GRAVADO POR REPRESENTANTES DAS ENTIDADES ORGANIZADORAS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA 

 

MANIFESTO "BAIXO O MESMO PARAUGAS"

 

Hoxe, como cada 3 de decembro, unímonos para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade baixo nosa iniciativa “Baixo o mesmo paraugas”, para poñer en primeiro lugar os dereitos de todas as persoas e defender que a diversidade é un valor crave na sociedade.

 

Xa pasaron cinco anos desde que abrimos os nosos paraugas de cores por primeira vez, e en todo este tempo conseguimos chegar a todas as provincias galegas, unindo a miles de persoas e a máis de 80 entidades sociais da Coruña, Pontevedra, Vigo, Santiago, Lugo e Ourense. O paraugas é o noso símbolo para mostrar que compartimos un mesmo desexo: lograr un mundo sen discriminacións, sen barreiras, con oportunidades para todas as persoas.

 

Pero este ano non podemos levar os nosos paraugas ás rúas. A emerxencia sanitaria pola COVID-19 provocou un enorme impacto sanitario, social e económico a todos os niveis, cambiando por completo as nosas vidas. E ese impacto foi aínda maior para as persoas con discapacidade, familias e entidades sociais, que vimos como a pandemia poñía en perigo moitos dos logros alcanzados ata o de agora e mesmo a propia supervivencia de moitas organizacións. Tamén nos impediu prestar servizo nos meses de confinamento nalgúns servizos.

 

Pero se algo define o noso gran movemento é a enorme capacidade para superarnos, para afrontar calquera dificultade.

 

E nun día como o de hoxe queremos seguir esixindo ás administracións públicas o seu compromiso firme e claro coas persoas con discapacidade e que veña da man dun incremento de apoio social e económico. Gustaríanos tamén seguir contando co apoio da cidadanía e do sector privado a través da responsabilidade social das empresas.

 

A pandemia mostrou dificultades na coordinación real entre os sistemas sanitarios, educativos e sociais, e por iso demandamos que esa coordinación sexa real para garantir unha resposta rápida e eficaz ás necesidades das persoas con discapacidade e das nosas familias, xa que moitas asumiron en soidade os coidados durante a etapa do confinamento.

 

Unha crise sanitaria e económica non pode ter como consecuencia unha crise de dereitos. Seguimos demandando o noso dereito a ter unha vida independente, a unha educación inclusiva de verdade, con todos os apoios que podamos necesitar, e poder acceder ao mercado laboral en condicións de igualdade, máis agora nesta complicada situación que estamos a atravesar.

 

Debe garantirse o apoio ás entidades sociais que durante esta emerxencia social están á beira das persoas con discapacidade e das nosas familias. O peche de moitos centros durante estes últimos meses e a falta de terapias e tratamentos supuxeron unha gran deterioración física e cognitivo para moitas persoas.

 

Queremos que se recoñeza o valor das iniciativas sociais.

Sabemos que a situación é difícil, pero si hai algo que nos move é a ilusión e a esperanza de que sairemos adiante co apoio de toda a cidadanía, dos movementos sociais, das administracións e organismos públicos e privados… de tantas persoas que hoxe abren o seu paraugas connosco para esixir o noso dereito a ser felices.

 

Os cambios poden ser reais si contamos con todos vós, co respaldo dunha sociedade unida polos valores do respecto e a igualdade.

 

Moitas grazas!!

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Puede obtener más información en nuestra Política de Cookies.

Aceptar Rechazar