José Balboa participa na presentación da xornada no Concello

29/05/2015

O presidente de Sarela estivo acompañado dos xerentes de Área Central e de Centro Deportivo.

Onte presentouse no Concello de Santiago de Compostela, unha das entidades que colaboran na organización, o Día do Deporte Solidario. No acto expúxose aos medios de comunicación en que vai consistir a xornada, detalláronse os deportes que se van mostrar, e explicitouse a finalidade solidaria coas persoas con dano cerebral adquirido de Sarela.
 
Na rolda de prensa estiveron presentes [na imaxe, de esquerda a dereita] Javier González, xerente de Área Central, José Balboa, presidente de Sarela, Manuel Varela, concelleiro de Servizos Sociais e Deportes en funcións, e Enrique Viéitez, xerente de Centro Deportivo.
 
A xornaza comeza mañá ás 11:00 no centro comercial Área Central, e estenderase ata as 21:00. Inclúe a exhibición e proba de diferentes deportes, como esgrima, karate, iudo, tenis de mesa, fútbol sala, baloncesto, hóckey, xadrez, ximnasia rítmica, atletismo, patinaxe, bodyjump, zumba, ioga, bolos, petanca... A colaboración con Sarela efectúase a través da compra de rifas solidarias que se poderán mercar na mesma xornada por 1 euro.
 
Ademais dos deportes, que se irán simultaneando, haberá unha exposición fotográfica e animación durante toda a xornada. Ao finalizar entregarase unha placa que recoñece como 'Deportista Solidario' a D. Francisco Rodríguez Míguez 'Farruco', e efectuarase un sorteo de agasallos entre as persoas participantes.
 
No apartado do deporte adaptado, poderase participar en dúas actividades: unha serie de probas adaptadas motrices, que organiza Special Olimpics Aspas (de 16:00 a 19:00) e unha mostra de boccia a cargo do equipo de Sarela (de 17:00 a 19:00).
 
Sarela agradece esta iniciativa solidaria a Área Central, a Centro Deportivo, ao Servizo de Deportes da USC e á Concellería de Deportes de Santiago de Compostela. Tamén aos diferentes clubes e entidades deportivas que están implicadas na demostración de cadansúa disciplina. 
 
A Asociación de Dano Cerebral de Compostela terá un stand informativo durante toda a xornada no que se poderá recoller información sobre Sarela, o ictus, a prevención, etc. Tamén porá á venda unha mostra dos produtos elaborados nos obradoiros de manualidades da asociación. Este posto estará na esquina que queda á dereita do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e será o mesmo lugar no que se sitúe o campo de boccia.
 
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información