FEGADACE organiza un curso sobre o sistema BECAD de avaliación

03/09/2014

O equipo de rehabilitación de Sarela asiste á actividade formativa.

A Federación Galega de Dano Cerebral organiza un curso de formación interna sobre o sistema BECAD de avaliación de capacidades e desempeño. A BECAD (Batería de Evaluación de la Capacidad y el Desarrollo) é unha serie de escalas que serven para avaliar o funcionamento das persoas en diferentes actividades e áreas relevantes da vida diaria. A finalidade destas escalas é establecer pautas para a rehabilitación e a avaliación dos resultados da mesma.
 
A BECAD está baseada na Clasificación Internacional do Funcionamento, Discapacidade e Saúde (CIF) da Organización Mundial da Saúde (OMS), e responde ao labor de investigación realizado no Departamento de Psicoloxía Básica, Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Ciencias da Saúde da Universitat Jaume I de Castelló. A docente no curso que organiza FEGADACE, Micaela Moro Ipola, é especialista en Psicoloxía Clínica, profesora na Universitat Jaume I, directora do grupo de investigación ‘Avaliación e Rehabilitación do Dano Cerebral’ e da empresa Cercle Dany Cerebral (adicada ao asesoramento a equipos de rehabilitación).
 
Esta actividade formativa está dirixida ao persoal técnico das asociacións galegas de dano cerebral (van participar profesionais de todas as entidades), e ten como obxectivo mellorar as súas capacidades á hora de traballar na avaliación e na rehabilitación das persoas con DCA. O curso celébrase os días 11 e 12 de setembro na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), en Santiago.
 
O sistema de avaliación BECAD ten en conta a diferenza entre a capacidade (posibilidade dunha persoa de realizar unha actividade, sen adaptacións, axudas, nin obstáculos) e desempeño (grao no que unha persoa é quen de desenvolver unha actividade; pode depender de limitacións ou restricións e de axudas). A súa aplicación pódese desenvolver nas diferentes áreas de rehabilitación que se traballan nas asociacións galegas de dano cerebral: terapia ocupacional, fisioterapia, logopedia ou psicoloxía e neuropsicoloxía.
 
Información extraída do blog de FEGADACE e imaxe collida de Pixabay.
 
Compartir en:

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Puede obtener más información en nuestra Política de Cookies.

Aceptar todas Configurar Cookies Más información