FEDACE presenta o cartel para o Día do DCA 2015

01/07/2015

A ilustración foi realizada por José Antonio Vergara, de ATECE-Gipuzkoa.

O 26 de outubro celebrarase o Día do Dano Cerebral. Para visibilizar este día, xunto ás demandas e as necesidades do colectivo de familiares e persoas con dano cerebral, desde FEDACE organizouse un concurso de debuxos entre usuarios das entidades federadas. Este ano participaron con 186 debuxos desde 15 asociacións, entre os que se seleccionou o que formará parte do cartel do Día do Dano Cerebral 2015.
 
A ilustración gañadora foi realizada por José Antonio Vergara, da asociación ATECE-Gipuzkoa. O debuxo, unha árbore florecendo, representa o percorrido de recuperación que se debería facer tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou un tumor no cerebro. Para a maioría das 420.000 persoas con dano cerebral en España non foi posible acceder a unha rehabilitación que lle permitise alcanzar o seu grao máximo de recuperación porque o sistema non garante a atención necesaria para logralo. Son necesarios máis recursos e máis información para posibilitar que as persoas con dano cerebral desenvolvan ao máximo a súa autonomía persoal.
 
No Día do Dano Cerebral FEDACE volverá dirixirse de xeito especial á sociedade e á Administración, insistindo en que as persoas con DCA precisan de:
 
1. Que o Sistema Sanitario garanta a continuidade asistencial, facilitando ás persoas con DCA o tratamento rehabilitador especializado que sexa necesario.
 
2. A implantación dun plan de atención ao DCA, que defina con claridade os modelos de recursos, os protocolos de derivación e as necesidades a nivel territorial.
 
3. O establecemento da figura do xestor de casos que oriente ás persoas con DCA e ás familias cara aos recursos e servizos máis indicados nas distintas etapas da evolución.
 
4. A activación dos recursos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia tendo en conta as necesidades específicas das persoas con DCA.
 
5. A eliminación de barreiras que faciliten a participación social das persoas con discapacidade por DCA, nos termos establecidos pola Convención Internacional de Nacións Unidas sobre os dereitos das Persoas con Discapacidade subscrita polo Goberno de España.
 
Este cartel será a imaxe para este ano das demandas do movemento asociativo do dano cerebral.
 
*Información e imaxe extraídas da páxina web de FEDACE.
 
    Cartel do Día do Dano Cerebral 2015

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información