A familia e a nosa xente mentres estamos no hospital

07/04/2014

Artigo de Miguel Anxo García Álvarez para FEDACE

Cando se ingresa nun hospital por unha lesión cerebral, se a hospitalización é breve algunhas das cuestións que se formulan a continuación poida que non ocorran. Pero se se prolonga débense ter en conta.

 

Estar coa persoa afectada no Hospital fai que alguén da familia, en maior ou menor grado, abandone outras actividades moi importantes na súa vida. As acompañantes (xeralmente son esposas, irmás, nais, fillas, tías) abandonan traballos, toman vacacións anticipadas, piden permisos sen soldo, para estaren coidando no hospital!... E cargan coa dobre actividade das tarefas do fogar e do hospital.

 

Poucas veces se ten en conta que, polo seu estado físico (agotamento) e emocional (estado ansioso-depresivo), deberían ser obxecto de atención médica/psicolóxica recoñecendo a súa incapacidade transitoria para o desenvolvemento da actividade laboral produtiva. Xa que logo debería indicárselles, polo seu médico de cabeceira, a baixa laboral durante o período de adaptación necesario. Pode facer falta para iso informe dalgún dos médicos ou psicólogos especialistas do Hospital. De feito o seu estado é diagnosticable clínicamente como "trastorno adaptativo".

 

A familia vai verse afectada. Ao principio absorberá o golpe, pero aos poucos irase mostrando irritable, conflictiva, con dificultades para soster a súa orde de funcionamento. Parecerá que os problemas crecen. Xusto agora que fai falta levarnos ben parece que todo fose peor. E é certo que hai problemas novos: enfados sen motivo, incumprimentos na escola, descoidos, chamadas de atención, protestas, acusacións de egoísmo, cansazo... Sucederá o que pasa en todas as familias ante o DCA: malestar porque doe o que está ocorrendo, agotamento, e dificultade para adaptarse á nova situación. Se a familia estaba ben antes do accidente cerebral saberá atopar a forma de volver estar ben se se lles presta o apoio necesario para, co seu propio ritmo, recuperar o equilibrio, e se lles dá o tempo necesario a todos os seus integrantes.

 

É importante esperar e non complicarse.

 

*Artigo publicado na web de FEDACE por Miguel Anxo García Álvarez,especialista en Psicoloxía Clínica do Hospital Clínico Universitario de Santiago e membro do Comité Técnico de FEDACE.

*Fotografía de Rastrojo publicada en Wikimedia Commons con licenza Creative Commons.

 

Categorías: Dano Cerebral Adqurido

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información