I Encontro de Profesionais das asociacións de FEGADACE

22/02/2016

O obxectivo do I Encontro de Profesionais de FEGADACE foi a posta en común de boas prácticas na atención do DCA

Profesionais da logopedia, terapia ocupacional, psicoloxía/neuropsicoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional e auxiliares de enfermería das cinco entidades membro de FEGADACE tiveron este sábado, 20 de febreiro, unha xuntanza en Compostela. O obxectivo do que foi o I Encontro de Profesionais das asociacións de FEGADACE era a posta en común de boas prácticas na abordaxe do dano cerebral e na atención a persoas e familias con esta discapacidade.

 

O movemento asociativo do dano cerebral segue, na atención ás súas persoas e familias usuarias, o Modelo de Atención ás Persoas con Dano Cerebral doImserso. Este documento realiza un percorrido polas fases que se presentan desde que o DCA irrompe na vida da persoa e recomenda unha abordaxe interdisciplinar do proceso. A partir de aí, cada entidade elabora -en función dos recursos dispoñibles, das particularidades de cada persoa e familia e dos coñecementos dos seus equipos profesionais- procedementos propios de traballo, moitos dos cales se converten en boas prácticas. FEGADACE organizou este encontro para favorecer que esas boas prácticas foran compartidas, fortalecendo e mellorando a calidade dos servizos que prestan as súas cinco asociacións.

 

O encontro, ao que asistiron 43 profesionais das cinco entidades de FEGADACE (máis do 60% do total), celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dividiuse en tres partes: unha sesión plenaria de presentación do panorama xeral das cinco asociacións, unha sesión de traballo de grupo por colectivos profesionais, e unha pequena sesión de resumo, conclusións e peche.

 

Modelo de atención das asociacións federadas

 

O grupo de traballo común, sobre o 'Modelo de atención das asociacións federadas', comezou ás 9:30 da mañá coa presentación de Pablo Martínez, coordinador de FEGADACE. Interviñeron a directora de ADACECO, Natalia de Llano, a directora de ADACE Lugo, Iria Abel, a terapeuta ocupacional de Sarela, Ana Ruiz, a coordinadora de Alento, Laura Ramírez, e a fisioterapeuta de Renacer, Miriam Carpintero. Cada unha delas realizou unha exposición sobre a súa entidade, aportando datos sobre as persoas que atenden, os seus programas, e as súas fortalezas e debilidades.

 

ADACECO describiu os seus servizos, divididos en dúas grandes áreas: centro de día e atención ambulatoria. Salientou que non dispoñen de servizo de comedor, pois valoran positivamente o feito de que as súas persoas usuarias poidan facer un parón para descansar ao mediodía, algo que favorece o feito de contaren cun servizo de transporte propio. Natalia de Llano describiu as actividades da entidade, e amosou o especial orgullo de ADACECO polo seu grupo de teatro e pola actividade de boccia, para a que lanzou a proposta de organizar unha liga entre as cinco asociacións.

 

Iria Abel presentou as actividades de ADACE Lugo, sinalando que o seu equipo é máis reducido que o da entidade anterior, aínda que tamén dispoñen -con menos persoas usuarias- dos servizos de centro de día e de atención ambulatoria. A directora da entidade lucense sinalou como principal boa práctica, favorecida pola dimensión da asociación, o feito de realizaren unha xuntanza diaria de equipo, que sempre ten lugar na primeira media hora de xornada laboral, e onde todas as profesionais se poñen ao día, planifican, valoran, etc.

 

A representante de Sarela iniciou a súa intervención centrándose no cambio que a entidade está a consolidar trala estrea do seu novo centro e o paso de contaren con 12 prazas a teren 40 persoas no seu centro de día, ademais das que atenden a través do servizo ambulatorio. Ana Ruiz centrouse en describir os programas e actividades punteiros de Sarela: a campaña de prevención do ictus, o proxecto Construíndo Futuro, o programa de voluntariado, o feito de que realizan valoracións domiciliarias e tratamentos a domicilio, o apoio trala alta das persoas usurias e o servizo de atención temperá. Pechou a intervención evidenciando as carencias e retos para o futuro de Sarela: contar con máis perfís de atención, reforzar a defensa dos dereitos das persoas con DCA e traballar para evidenciar cientificamente os logros do seu traballo.

 

A valoración, medición e mellora da calidade de vida das súas persoas usuarias é boa práctica da que máis orgullo manifestou Alento, que se atopa nun proceso de cambio de paradigma para que este enfoque centre todo o seu modelo de atención. Parten dunha escala de medición da calidade de vida da persoa con dano cerebral baseada en oito áreas que se analizan (entre a persoa, a familia e o equipo profesional) e sobre as que se establecen obxectivos de mellora. Laura Ramírez insistiu en que este método trata de fuxir do enfoque clínico para centrarse no benestar da persoa, potenciando as súas capacidades para lle prestar apoio. A coordinadora de Alento describiu, ademais do servizo de centro de día, os seus principais programas: o de emerxencia social, o de atención a familias e o de voluntariado.

 

Por último interviu a representante de Renacer, que sinalou como principal carencia da súa entidade a ausencia de instalacións propias (teñen a súa sede dentro do centro Aixiña), o que dificulta o seu crecemento. Renacer realiza toda a súa atención en réxime ambulatorio, proporcionando rehabilitación individual e algunhas actividades grupais (garantindo, cando menos, unha saída de lecer ao mes). Miriam Carpintero salientou a variedade de obradoiros que ofertan e o seu programa de voluntariado protexido, que potencia as capacidades das persoas con DCA, invertindo os termos da súa relación coa comunidade -ao pasaren der ser obxecto da axuda dos demais a seren suxeitos activos que proporcionan os seus coñecementos e traballo á sociedade-. Tamén valorou positivamente o seu procedemento de acollida de novas persoas usuarias.

 

Grupos de traballo

 

Despois da sesión plenaria tivo lugar un descanso que levou, a continuación, ás persoas asistentes a reunírense en grupos de traballo sectoriais. Houbo xuntanzas de auxiliares de enfermería, logopedas, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas e profesionais da psicoloxía/neuropsicoloxía e da educación social. Deron continuidade á posta en común de boas prácticas centrándose nas súas correspondentes áreas de traballo. Cada grupo elaborou un documento no que recolleu estes procedementos de calidade, que se porá en común entre as cinco asociacións para que todas poidan incorporar as melloras.

 

As conclusións dos grupos de traballo centraron a sesión de peche, na que se describiron brevemente e se analizou e valorou positivamente a estrutura da xornada, que está previsto repetir con periodicidade anual. A sistematización de toda a información recollida e continuar fomentando, construíndo e compartindo boas prácticas son agora os retos de FEGADACE.

 

Información e fotografía extraídos da web de FEGADACE.

 

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información