En marcha o Plan Ictus

05/07/2016

Este novo plan do Servizo Galego de Saúde busca diminuír o tempo de resposta entre o inicio dos síntomas e a prestación de asistencia específica. Lembremos que cando detectemos algún dos seus síntomas, identificados polos tres “F”debemos chamar inmediatamente ao 061

A Xunta de Galicia presentou o 4 de xullo o Plan Ictus do Servizo Galego de Saúde, un programa que permitirá diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia. A través del, o Sergas diminuirá o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital, reducirá a demora na confirmación diagnóstica, adecuará o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente e coordinará a actuación entre os distintos profesionais.

 

O ictus  é a principal causa de Dano Cerebral Adquirido (DCA). Prodúcese pola interrupción,, máis ou menos repentina, do fluxo sanguíneo nunha zona do cerebro. O resultado é a perda de capacidades asociadas á zona afectada, cunhas consecuencias mortais nun 20% dos casos, e de discapacidade grave nun 44% das persoas que sobreviven.

 

En Galicia prodúcense ao redor de 7.000 novos casos de ictus cada ano, segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía. De feito, segundo sinalou o conselleiro de Sanidade na súa presentación.

 

O ictus é unha das causas de mortalidade na Comunidade Autónoma; unha das patoloxías que causa máis anos de esperanza de vida perdidos; unha das doenzas que ocasiona máis perdas de anos de vida axustados por discapacidade; e unha das causas de morbilidade hospitalaria; e, por último, supón a unha das causas de discapacidade permanente na idade adulta.

 

Funcionamento do Plan

 

O Plan Ictus require unha estreita colaboración entre os servizos de emerxencias médicas, os centros de atención primaria e os hospitais comarcais, e os centros de referencia.

 

Neste sentido, cando unha persoa sufra algún dos síntomas de ictus, deberá chamar ben el ou ben algún acompañante ao 061. Estes síntomas resúmense en tres “F” e a alerta debe ser máxima:

 

  •    Fala: non ser capaz de dicir correctamente palabras simples.
  •    Forza: non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos.
  •    Faciana: non mostrar todos os dentes ao sorrir.

 

Nese momento, o médico deste organismo confirmará a existencia do ictus a través do protocolo específico, activará un código ictus e unha ambulancia recollerá ao paciente para o seu traslado ao hospital máis próximo, mentres a central do 061 avisa da súa chegada. Unha vez no hospital, terá acceso prioritario ao Servizo de Radioloxía do centro, onde se lle fará un TAC craneal de diagnóstico.

 

Os médicos de urxencias contactarán co Centro de Atención ao Ictus, que estará dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Naqueles casos que polas súas características sexan susceptibles de fibrinolise (recanalización vascular), esta medicación será administrada no propio servizo de urxencias.

 

A través de videoconferencia co neurólogo do Centro de Atención ao Ictus, este poderá examinar á persoa mediante unha cámara web de alta resolución, interrogalo e interpretar o TAC que se lle realizou.

 

Logo desta avaliación, decidirá se o paciente é candidato de ser trasladado a un hospital cunha unidade de ictus -en Galicia hai tres, na Coruña, Santiago e Vigo- para a realización dunha trombectomía. O traslado farase no menor tempo posible e, unha vez alí, realizarase un tratamento de neuroloxía intervencionista consistente en recanalizar a obstrución que está producindo o ictus.

 

Nova elaborada con información da Xunta de Galicia

pdf
  • ¿Qué sabes del ictus?
  • Folleto editado por FEDACE con información sobre as causas do ictus, a súa prevención, e como identificalo.

  • Baixar ficheiro
    Cartel informativo do Plan Ictus
Categorías: Ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información