Do código ictus á rehabilitación

19/02/2014

O tratamento para disolver o coágulo debe aplicarse antes de que pasen catro horas e media desde o accidente cerebrovascular.

Un home de 70 anos chamou ao 112 para notificar que caeu ao chan porque quedou sen forza na perna e brazo dereitos. En poucos minutos, unha ambulancia medicalizada acode ao seu domicilio e os médicos de urxencias, tras recoñecelo, deciden a evacuación do paciente ao Hospital como 'código ictus'. A partir de aí ponse en marcha todo un dispositivo de atención que continúa no servizo de Urxencias, onde se lle concede prioridade máxima. Tralas probas correspondentes e unha vez que se comprobou que non pasaron nin tres horas desde que o paciente sufriu o ictus, un neurólogo valora a posibilidade de aplicar por vía intravenosa un tratamento (trombolise química) para eliminar o coágulo que tapona unha arteria e restablecer así o fluxo de sangue, co que se podería rescatar o tecido cerebral que non se perdeu.

 

Todos os indicios apuntan a que paciente sofre un accidente cerebrovascular de tipo isquémico e o neurólogo debe decidir se a trombolise endovenosa é a mellor terapia, xa que non todos os pacientes poden beneficiarse deste procedemento. Como é posible aplicalo, xa que a idade non é condición excluínte, senón as circunstancias nas que chega o afectado ou a situación derivada da súa historia clínica, decídese o seu traslado inmediato á Unidade de Ictus.

 

Ademais, este tratamento ten que ser aplicado antes de que transcorran 4,5 horas desde que se produciu o ictus. En casos excepcionais chegouse a aplicar ata as seis horas, pero non é o habitual.

 

Outra alternativa consiste en extraer directamente o coágulo mediante un procedemento (trombectomía mecánica) que se aplica no servizo de radioloxía intervencionista. O radiólogo entra cun dispositivo a través da arteria, chega á zona do cerebro afectada e rompe e captura o coágulo para devolver o fluxo sanguíneo.

 

Volvendo ao paciente, na Unidade de Ictus será monitorizado e vixiado constantemente polo persoal de enfermería, que controlará a evolución en consonancia co tratamento prescrito. Segundo a enfermeira Idoia Mendiburu, "os pacientes máis complicados nesta fase quizá sexan os que non poden falar (afasia) pola dificultade para comunicarnos con eles. Non sabemos o que nos están pedindo; eles pásano mal e nós tamén".

 

A Unidade de Ictus presta unha atención nalgún aspecto semellante ás UVI. Por iso é polo que as visitas aos familiares estean restrinxidas. "Entendemos que as familias veñen con moita tensión, pero deben comprender que esta é unha unidade especial na que non se poden admitir visitas", precisa Idoia Mendiburu.

 

Traslado á planta xeral

 

Unha vez estabilizado o paciente, tras unha estancia de aproximadamente tres días na Unidade de Ictus, pasa a unha habitación da planta xeral de Neuroloxía, onde permanecerá unha media de sete días, tempo no que o equipo médico determinará as causas que produciron o accidente cerebrovascular co fin de poñer os medios para que non se volva a repetir. "A intención é que o paciente saia da planta polo seu propio pé ou en condicións para que poida seguir unha rehabilitación", explica a neuróloga Maite Martínez Zabaleta.

 

Transcorrida esa semana, o paciente regresa á súa casa con mínimas secuelas, cunha pauta de exercicios e cun tratamento de alimentación e vida saudable. Pero hai outros casos con peor sorte. Son pacientes que saen con importantes secuelas. Entre as máis incapacitantes, as relacionadas coa mobilidade (problemas no manexo de pernas e brazos) e a linguaxe. Nestes casos, o enfermo pasa á planta de rehabilitación. "Tras un ictus, o cerebro é capaz de repoñer parte da función que se perdeu", sinala a neuróloga.

 

O proceso é longo. En caso de paraplexia ou hemiplexia, a tarefa é dos fisioterapeutas; ante a afasia ou perda da linguaxe interveñen os logopedas. O obxectivo é que o proceso termine na consulta do médico de familia, que controlará os factores de risco para que non volva ocorrer, ou no seu caso o mantemento da rehabilitación.

 

*Información extraída do Diario Vasco.

*Fotografía tomada de Wikimedia Commons.

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información