Dispositivo especial para a Operación Saída de Semana Santa

01/04/2015

Entre o 1 e o 6 de abril vanse realizar 8 millóns de desprazamentos de longo percorrido por estrada.

Hoxe mércores dá comezo a segunda fase da operación saída de Semana Santa en todas as autonomías excepto en Cataluña e na Comunidade Valenciana, onde o Xoves Santo non é festivo. Dita operación finalizará ás 24.00 horas do luns 6 de abril.
 
Dos 13,5 millóns de desprazamentos previstos para toda a Operación especial de Semana Santa (do 27 de marzo ao 6 de abril), 8 millóns produciranse durante esta segunda fase, polo que é recomendable planificar a viaxe e evitar as horas máis desfavorables.
 
Durante esta segunda operación saída, o fluxo principal de tráfico realizarase desde os núcleos urbanos a zonas turísticas de costa, segundas residencias, poboacións con actos relixiosos tradicionais ou zonas turísticas de montaña. Para ver o mapa cos puntos conflictivos pinchar aquí.
 
Para dar cobertura ao gran número de desprazamentos que se producirán durante estes días, a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha un dispositivo especial co obxectivo de facilitar a mobilidade e fluidez do tráfico, así como velar pola seguridade viaria nas estradas.
 
Para iso conta cos servizos de máis de 600 funcionarios e persoal técnico especializado que atenden os Centros de Xestión de Tráfico; ao redor de 10.000 Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e máis de 13.000 empregados das empresas de conservación, de vías en réxime de concesión dependentes do Ministerio de Fomento e do resto dos titulares de estradas e persoal dos servizos de urxencia tanto sanitarios como bombeiros.
 
Ademais, durante estes días intensificarase a vixilancia nas estradas convencionais, prestando especial atención aos factores de risco máis frecuentes: velocidade, con maior número de controis de velocidade con radares móbiles e desde o aire cos 6 helicópteros que levan incorporado o radar Pegasus; incremento dos controis de alcohol e drogas entre os condutores, podéndose realizar ditas probas a calquera hora do día e en calquera sitio; control sobre o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, de modo que ningunha persoa faleza por non levar posto este elemento de seguridade ou a comprobación da documentación de que o vehículo ten a ITV e o seguro en regra para poder circular.
 
Co obxectivo de mellorar a fluidez circulatoria, nos momentos de maior número de desprazamentos instalaranse carrís reversibles e adicionais con conos en determinadas estradas, paralizaranse as obras que afectan ás calzadas, limitarase a celebración de probas deportivas e outros eventos que supoñan a ocupación das vías e restrinxirase a circulación de camións que transporten mercancías perigosas e vehículos que precisen autorización especial para circular en determinadas horas dos días con máis desprazamentos.
 
Ademais, elaboráronse itinerarios alternativos en función da orixe e destino da viaxe a realizar, para non pasar pola zona centro que é a que máis tráfico xera, e este ano engadiuse como novidade os tempos de percorrido estimados en función da hora de saída da viaxe, segundo os datos rexistrados na Semana Santa do ano pasado.
 
A continuación achégase uns enlaces, publicados na revista 'Tráfico y Seguridad Vial' con infografías das medidas especiais que se van a establecer naquelas zonas onde se prevén maiores complicacións circulatorias: Cataluña, Zona Centro, Zona Levante e Zona Sur.
 
PREVISIÓNS DE CIRCULACIÓN
 
· Mércores, 1 de abril
 
Nas comunidades de Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela a Mancha, Castela León, Estremadura, Galicia, Madrid, Murcia, Navarra, País Vasco e A Rioxa, prevense problemas de circulación e retencións nas saídas dos grandes núcleos urbanos, para horas máis tarde trasladarse ás zonas de destino.
 
As horas máis desfavorables para viaxar son entre as 15:00 e as 23:00 horas. Ademais, a noite do mércores ao xoves adoita ser a de maior tráfico do ano.
 
· Xoves, 2 de abril
 
Durante a mañá do xoves continuarán as saídas das grandes cidades, e as intensidades circulatorias serán elevadas, polo que se poden producir retencións. As horas máis desfavorables para viaxar son entre as 8 e as 14.00 horas.
 
Xa pola tarde, un día despois que o resto de comunidades por non ser festivo Xoves Santo, Cataluña e a Comunidade Valenciana comezarán a segunda fase da operación saída. Os principais problemas de circulación produciranse nas estradas de acceso á costa, as que unen poboacións do litoral, así como nas de acceso a zonas turísticas de descanso.
 
· Venres, 3 de abril
 
Durante a mañá do venres, en Cataluña e na Comunidade Valenciana continuarán os desprazamentos de vehículos en sentido saída das grandes cidades, que provocarán intensidades elevadas de circulación.
 
No resto das comunidades, durante a mañá deste día festivo produciranse intensidades de circulación na saída dos grandes núcleos urbanos en traxectos de curto percorrido, a zonas de lecer e esparcimiento próximas a núcleos urbanos.
 
Xa pola tarde e por toda a xeografía nacional, produciranse movementos de vehículos de curto percorrido e locais.
 
· Sábado, 4 de abril
 
Pola mañá poderanse producir problemas de circulación nos lugares de destino, por movementos locais de curto percorrido e en especial en accesos a poboacións da costa e estradas do litoral.
 
Pola tarde, motivado polos que adiantan o seu regreso a este sábado, poderanse observar movementos de retorno en longo percorrido, sendo nalgúns eixes viarios de intensidade elevada.
 
· Domingo, 5 de abril
 
A partir de media mañá prevese un incremento da circulación nas estradas, podéndose producir algunha retención nos lugres ou zonas de destino por inicio do regreso para posteriormente trasladarse ao longo da tarde e a noite aos accesos das grandes cidades.
 
· Luns 6 de abril
 
Neste día comeza o retorno nas comunidades autónomas de Baleares, Cantabria, Castela a Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Navarra, País Vasco e A Rioxa, autonomías onde o luns é festivo. Pódense producir problemas de circulación nos principais eixes viarios destas comunidades, así como nas estradas de acceso das provincias limítrofes con elas.
 
No resto de comunidades autónomas tamén se producirán movementos de retorno, motivados principalmente polo comezo ao día seguinte das actividades escolares e universitarias.
 
CONDUCIÓN SEGURA E RESPONSABLE
 
Pese a ser consellos xa coñecidos polos condutores, é necesario recordar que unha condución segura e responsable comeza no mesmo momento de planificar a viaxe. Ademais, a DGT recomenda:
 
  • Reflexionar se é verdadeiramente necesario utilizar o vehículo privado ou optar polo transporte público.
  • En caso de utilizar o coche, comprobar que está nas condicións idóneas para realizar a viaxe. Atención especial ao seu mantemento e aos neumáticos. España ten un parque de vehículos envellecido. A antigüidade media dos coches nos que hai un falecido é de 12,5 anos.
  • Planificar a viaxe de modo que utilicemos as vías máis seguras. Recordar que 8 de cada 10 persoas falecen nun accidente ocorrido en vías convencionais.
  • Informarse do estado das estradas a través dos medios que ofrece a DGT: teléfono 011, Internet, twitter @informacionDGT, a través da aplicación da DGT cuxa descarga é gratuíta, ou nos boletíns informativos das emisoras de radio e televisión.
  • En vías con máis dun carril por sentido, débese circular polo carril dereito, o esquerdo soamente debe utilizarse para adiantar.
  • Manter a distancia de seguridade e adecuar a velocidade ás circunstancias e á vía pola que se circula.
  • Atención ao resto de usuarios da vía: motos, ciclistas e peóns son máis vulnerables.
  • Unha vez no lugar de destino, atención aos desprazamentos curtos e ás vías convencionais.
  • Observar e cumprir as normas de circulación: velocidade, uso do cinto de seguridade e dos SRI, evitar as distraccións...
  • Non conducir se se inxeriu alcohol ou drogas. Unha mensaxe que por repetitiva non deixa de ser preocupante, cando o 12% da poboación se pon ao volante tras consumir alcohol ou drogas.
 
Información extraída da páxina web da DGT e fotografía de Pixabay con licenza Creative Commons 0.
 
Categorías: Prevención

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información