Decálogo de Voluntariado de FEGADACE

01/06/2014

Sarela participa na elaboración desta lista de boas prácticas.

O II Encontro de Voluntariado de FEGADACE, que se celebrou en Vigo o pasado 6 de abril, contou cunha sesión de traballo destinada a elaborar un Decálogo de boas prácticas. As persoas voluntarias das cinco asociacións galegas de dano cerebral debateron, xunto co persoal técnico, sobre como é e como debe chegar a ser o seu traballo. O resultado, a modo de resumo, é unha guía que rexe os valores, principios e modos de intervención do voluntariado en FEGADACE.

DECÁLOGO DE VOLUNTARIADO DE FEGADACE

 

  1. O voluntariado e as persoas voluntarias son unha parte moi importante da nosa acción solidaria a favor das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.
  2. O voluntariado das entidades de dano cerebral adquirido que forman parte de FEGADACE traballa polo interese e os dereitos das persoas con dano cerebral adquirido, coa formación adecuada, e con compromiso.
  3. O voluntariado das entidades que forman parte de FEGADACE traballará en equipo de forma conxunta, coordinada e complementaria cos equipos profesionais remunerados das súas entidades, con coherencia coa súa misión e obxectivos dentro do ámbito das súas responsabilidades, e con compromiso adquirido como persoas voluntarias.
  4. O trato e o traballo con e para as persoas con dano cerebral adquirido se fundamenta no respecto aos seus dereitos e na calidade humana, como principio rexedor das súas actuacións.
  5. O voluntariado das entidades que forman parte de FEGADACE respectará sempre a intimidade das persoas con dano cerebral con e para as que traballan, sen difundir nin trasladar a terceiros ningunha información que puidese vulnerar o seu dereito á privacidade.
  6. A empatía das asociacións coas persoas voluntarias, e destas coas persoas con dano cerebral, as súas familias ou con outras entidades de acción social coas que podamos traballar para a consecución dos nosos fins, deberá ser un elemento que estea presente na nosa forma de actuar.
  7. As entidades que forman parte de FEGADACE e a propia Federación promoverán e difundirán as accións e actividades levadas a cabo desde e polos seus grupos de voluntariado, involucrando e incorporando aos mesmos na súa difusión e comunicación, como mensaxe solidaria e comprometida co colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.
  8. O voluntariado das entidades de dano cerebral adquirido que forman parte de FEGADACE non ten xénero, traballando desde as súas accións por e en plena igualdade de mulleres e homes no seu quefacer solidario.
  9. A nosa forza reside no todo, no equipo; todos e todas somos e formamos parte das entidades de dano cerebral adquirido que compoñen FEGADACE. O voluntariado é unha parte importante desta forza colectiva.
  10. A administración deberá comprometerse a apoiar e promover ao voluntariado e o seu traballo, e apostar decididamente pola solidariedade como valor fundamental da nosa sociedade.


O documento tamén se pode descargar en pdf aquí: Decálogo de Voluntariado FEGADACE.

 

*Información e imaxe extraídas do blog de FEGADACE.

 

Categorías: FEGADACE , Voluntariado

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información