Convivir en Igualdade repasa o proxecto Construíndo Futuro

04/09/2014

Entrevista á educadora social de Sarela Noelia Parente.

O programa da Radio Galega Convivir en Igualdade entrevistou, a pasada madrugada, á educadora social de Sarela Noelia Parente. Noelia forma parte de Construíndo Futuro, o proxecto de Sarela para os mozos e mozas con dano cerebral adquirido.
 
A conversa comezou cun repaso pola traxectora de Construíndo Futuro. Noelia explicou como está dividido en tres partes e falou das diferentes actividades que se levan desenvolvido nas áreas de vida independente, integración comunitaria e inserción sociolaboral, centrándose neste último aspecto, que é no que máis se vai centrar o proxecto a partir de agora -busca activa de emprego-.
 
Clara de Sáa, condutora do programa, preguntou tamén pola acollida do proxecto entre as súas persoas usuarias. A resposta de Noelia foi que "moi ben, porque son persoas que teñen dano cerebral desde hai moito e estaban nas súas casas", sen faceren un esforzo efectivo pola súa inclusión. Hoxe, tanto usuarios e usuarias como as súas familias amosan unha gran satisfacción polos pequenos logros e a superación de medos, sempre co "horizonte da inserción laboral". A educadora social referiuse especialmente ás familias, pois "son un gran apoio para eles pero tamén para nós".
 
Moitas das persoas que participan no proxecto Construíndo Futuro xa tiñan experiencia laboral e diferentes niveis formativos. Noelia sinalou que "hai persoas que queren traballar no que estudaron", usuarios e usuarias que teñen claro en que buscar emprego "e outra xente que sabe que non quere facer". Tamén lamentou o limitado que está o mercado laboral neste momento, algo que non favorece o traballo de inclusión de Sarela. Enfatizou, iso si, as altas capacidades laborais do colectivo, sobre todo para os traballos "relacionados coa rutina".
 
Clara de Sáa lembrou que o dano cerebral é algo que lle pode pasar a calquera, deixando oco para que Noelia aclarara que "as persoas con DCA teñen os mesmos dereitos, tamén o de sentirse útiles para a sociedade". Para pechar a entrevista e o programa, a condutora do espazo radiofónico recuperou a reportaxe sobre Sarela e FEGADACE coa que Convivir en Igualdade estreou a súa sección Informe Convivir hai agora un ano.
 
O programa, emitido o 03/09/2014, pódese oír a continuación. O espazo no que intervén Noelia está entre os minutos 02:29 e 03:01 e do 12:07 ao final do programa:
 
                           
 
pdf
  • Folleto Construíndo Futuro
  • Folleto informativo sobre o proxecto Construíndo Futuro, dedicado aos mozos e mozas con dano cerebral.

  • Baixar ficheiro
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información