Como detectar que se está sufrindo un ictus?

13/02/2014

Clave para un tratamento eficaz

O ictus é a segunda causa de mortalidade entre os españois e detectalo a tempo é esencial para conseguir bos resultados no seu tratamento, ademais de minimizar as súas posibles secuelas. Tan importante é controlar os factores de risco como detectar a tempo que se está producindo un ictus.
 
O ictus é un trastorno brusco da circulación cerebral que pode deberse a infarto debido a un dano producido pola falta de aporte sanguíneo ou ben a unha hemorraxia derivada da rotura dunha arteria cerebral.
 
Segundo explica a Infosalus Jose A. Egido, Coordinador da Unidade de Ictus do Hospital Clínico San Carlos de Madrid, "ata hai pouco non dispoñiamos de datos fiables da poboación española. Recentemente publicamos o estudo Iberictus que arroxa unha incidencia de ictus novos cada ano de 187 por cada 100.000 habitantes".
 
En canto á prevalencia, Egido sinala que chega ata o 5% de pacientes maiores de 65 anos, o que supón que en España hai aproximadamente 500.000 españois que tiveron un ictus.
 
Recoñecer o ictus
 
Segundo explica o doutor Egido, os signos de alarma do ictus en xeral son fáciles de recoñecer, os máis evidentes son:
 
- Trastorno brusco da mobilidade de medio corpo: de forma brusca aparece debilidade de brazo e perna do mesmo lado, moitas veces con desviación da boca.
 
- Trastorno brusco da linguaxe: dificultade de expresión ou comprensión do que se lle di, ás veces cambiando unhas palabras por outras, ou cunha fala mal articulada ou inintelixible. Isto pode acompañarse de debilidade de medio corpo.
 
- Trastorno brusco da visión dun lado do campo visual.
 
- Perda brusca de sensibilidade de medio corpo.
 
A prevención, o principal aliado
 
As causas do ictus están relacionadas coa enfermidade das arterias e tamén con enfermidades cardiacas que poden producir émbolos que van viaxar co sangue ata tapar unha arteria cerebral. Así, os factores de risco máis importantes son:
 
- Idade: a partir dos 60 anos a incidencia duplícase por cada década de idade.
 
- Hipertensión arterial: é o factor de risco mais potente tanto para o infarto como para a hemorraxia cerebral e o principal factor modificable mediante a prevención.
 
- Diabetes: xa que dana a longo prazo as arterias.
 
- Colesterol elevado: ao danar as arterias e arterioesclerose.
 
- Enfermidades cardiacas: en especial a arritmia coñecida como fibrilación auricular.
 
Entre os factores de risco máis importantes do estilo de vida inclúense o tabaquismo, o sedentarismo, o estrés e a obesidade.
 
Algúns destes factores de risco, como a idade ou as enfermidades xenéticas, non son modificables pero existen tratamentos farmacolóxicos para o control da hipertensión, a diabetes ou o colesterol. No caso das embolias de orixe cardiaco pode ser necesario o tratamento preventivo con anticoagulantes, que preveñen a formación de émbolos.
 
Os hábitos de vida saudables, a dieta equilibrada con baixo contido en sal, o abandono do tabaquismo ou o exercicio moderado diario melloran o pronóstico nas persoas cun maior risco de padecer un ictus.
 
Presente e futuro dos tratamentos
 
A Comunidade de Madrid conseguiu reducir ata un 50% a mortalidade por ictus a través dun plan específico que inclúe a capacitación de seis centros para a atención integral de ictus operativos. Os hospitais La Paz, La Princesa, Ramón y Cajal, 12 de Octubre, Gregorio Marañón e Clínico San Carlos atenden en unidades específicas aos pacientes de ictus.
 
O tratamento que demostrou unha maior eficacia céntrase nas medidas para abrir a arteria que está ocluída mediante a denominada fibrinolise intravenosa. O problema é que este tratamento debe ser aplicado de forma rápida, pois a partir das 4,5 horas de iniciarse os síntomas xa non é eficaz e ten riscos. Se se aplicase de forma correcta evita un caso de morte ou dependencia cada 7 pacientes tratados.
 
Como alternativa nalgúns pacientes pode utilizarse a trombectomía mecánica, que consiste en extraer o trombo mediante un dispositivo a traves dun cateterismo. Aínda que a súa utilidade definitiva non está demostrada xa se realiza nalgúns casos na práctica diaria.
 
No futuro espérase que existan mellores fármacos fibrinolíticos, máis eficaces e con menor risco, e que melloren as técnicas de trombectomía. Actualmente investígase activamente en fármacos que protexan o cerebro para aumentar o tempo en que a fibrinolise é eficaz ou en medicamentos para estimular a plasticidade neuronal mellorando así a rehabilitación.
 
*Información extraída de Infosalus.
*Fotografía de Hellerhoff tirada de Wikimedia Commons.
 
Tags: ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información