Como axuda a X Solidaria a Sarela?

11/04/2014

O cadro pasa a chamarse "Actividades de Interés General consideradas de Interés Social".

As entidades sociais acaban de inaugurar a campaña a favor da 'X Solidaria' na declaración da renda. Con esta campaña tratan de sensibilizar á poboación para que marque o cadro de "Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social" -ata agora "Fins sociais"- na súa declaración.
 
Marcando este cadro conséguese que un 0,7% dos impostos se dediquen a fins sociais (discapacidade, inclusión social, mulleres, infancia, cooperación...). Non se trata dun pagamento a maiores, senón de decidir a que se dedica esa pequena porcentaxe dos impostos xa abonados. Nin se paga máis, sin a devolución é menor.
 
As organizacións sociais participan nunha convocatoria do Ministerio de Sanidade e Asuntos Sociais, á que presentan programas específicos que poden, ou non, ser aprobados. O X Solidario é unha fonte de ingresos importantísima para Sarela, xa que, con ela, obtén dúas vías de financiamento.
 
Por unha banda, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela financia o seu programa de información e orientación a familias. Este programa actívase cada vez que o dano cerebral irrompe na vida dunha familia, provocando unha desorientación que, desde a asociación, se trata de frear. Acóllese ás familias, reciben apoio para adaptarse ao cambio, e información sobre recursos -a irrupción da discapacidade provoca na familia un risco enorme de pobreza, pois os gastos multiplícanse- e outros trámites administrativos que se deben pasar para mellorar a atención ao familiar con dano cerebral.
 
Por outra banda, Sarela financia a construción do seu novo centro de día no barrio do Paxonal. As instalacións da asociación resultan insuficientes para proporcionar a atención necesaria ás persoas con dano cerebral de Santiago e da súa área sanitaria. O novo edificio poderá acoller a 40 persoas no centro de día -fronte a 12 que hai na actualidade- e prestar mellores servizos de rehabilitación, inclusión e, en definitiva, de mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido de Compostela.
 
Así, Sarela chama a marcar a X Solidaria na declaración da renda e axudar ás persoas con dano cerebral adquirido.
 
    Centro Sarela X Solidaria
Categorías: Sarela , Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información