As persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% poden solicitar a nova tarxeta acreditativa da Xunta de Galicia

22/08/2016

A Consellería de Política Social impulsa esta iniciativa coa finalidade de que as persoas con discapacidade legalmente recoñecida poidan acreditar de forma áxil e práctica o seu grao de discapacidade e facilitarlles así o acceso a determinados servizos que poidan mellorar a súa calidade de vida.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 4 de agosto a orde pola que se crea a tarxeta acreditativa do grao de discapacidade e se regula o procedemento para a súa obtención. Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, ten como finalidade que as persoas con discapacidade legalmente recoñecida poidan acreditar de forma áxil e práctica o seu grao de discapacidade e facilitarlles así o acceso a determinados servizos que poidan mellorar a súa calidade de vida por medio dun instrumento máis práctico e cómodo.

 

Así, esta tarxeta acreditativa non crea de por si mesma novos beneficios dos que actualmente xa pode optar a persoa que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%: prestacións económicas por invalidez; vantaxes na asignación de prazas en centros educativos e no acceso a ciclos formativos; fomento do emprego na empresa ordinaria e reserva de prazas na administración pública ou beneficios en materia fiscal, vivenda e transporte; entre outras medidas de apoio que se poden consultar no portal de benestar da Consellería.

 

Poderán ser titulares desta tarxeta as persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, cuxo expediente conste en poder da administración autonómica. Esta é persoal e intransferible e serve de documento substitutivo, para todos os efectos, da resolución pola que se recoñece o devandito grao, e que ten validez en todo o territorio do Estado. Ademais, a súa presentación deberá ir acompañada do documento nacional de identidade, número de identificación de estranxeiro ou pasaporte, no suposto en que así o requira o organismo ou entidade competente. As persoas titulares menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a presentación dunha certificación literal de nacemento expedida polo rexistro civil.

 

Procedemento de emisión

 

A tarxeta acreditativa de discapacidade expedirase de oficio para os expedientes actualmente en tramitación, ben sexan solicitudes iniciais de recoñecemento ou de revisión. Asemade, a devandita tarxeta expedirase por petición expresa das persoas interesadas nos seguintes dous supostos: nos casos de solicitude dunha nova tarxeta por perda ou subtracción e para as persoas que a día de hoxe teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e que non teñan un expediente de revisión en tramitación.

 

No que atinxe á vixencia da tarxeta, esta constará expresamente na mesma. Esta poderá ser de carácter definitivo ou temporal, de acordo co prazo de vixencia que figure na resolución que recoñeza o grao de discapacidade.

 

Enlaces de interese:

 

  1. Información da Consellaría de Política Social relativa á tarxeta acreditativa do grao de discapacidade
  2. Resolución no Diario Oficial de Galicia

 

Nova elaborada con información da páxina web da Xunta de Galicia.

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información