Aberto o prazo para solicitar as axudas de bonotaxi do Concello de Santiago

19/04/2022

Desde hoxe e ata o 2 de maio está aberto o prazo para solicitar as axudas individuais do Concello de Santiago para uso do taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade, ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo. Cobren os gastos realizados desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2022. As persoas solicitantes deben estar empadroados e residir en Santiago.

As bases publicáronse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o luns 18 de abril e o prazo de solicitude é de dez días hábiles, contados a partir de hoxe 19 de abril. Ademais de estar empadroadas e residentes no Concello de Santiago poden solicitar estas axudas:

 

  • as persoas que teñan recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, impedíndolles ou dificultándolles gravemente a utilización dos transportes públicos colectivos.
  • as persoas que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75%.
  • as persoas sometidas a tratamentos periódicos, administrados dende calquera centro hospitalario da cidade.


Tamén poderán acceder a estas axudas aquelas persoas residentes no rural que:

  • padezan algún tipo de discapacidade,
  • presenten determinadas doenzas
  • persoas maiores de 65 anos afectadas polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público.


As axudas calcularanse segundo os ingresos da persoa solicitante, e ingresaranse nun pago único. Así, as persoas cun límite de ingresos de ata o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), poderán percibir ata 350 euros. Aquelas que ingresen entre o 150% e o 250% do IPREM anual, poderían solicitar ata 250 euros. E as que os seus ingresos se situen entre o 250% e o 300% do IPREM anual terán dereito a un máximo de 150 euros, tamén nun pago único.

As solicitudes estarán a disposición das persoas interesadas na Concellaría de Políticas Sociais e Saúde do Concello de Santiago, nos diferentes puntos de atención de Servizos Sociais municipais e na páxina web santiagodecompostela.gal. Formalizaranse segundo os modelos normalizados que se inclúen neste documento, e que se presentarán debidamente cubertos, xunto coa documentación, preferiblemente por vía electrónica, utilizando a sede electrónica do Concello, ou tamén a través do Rexistro Electrónico Común - REC, accesible no enderezo electrónico .

Alternativamente poderanse presentar en soporte papel na oficina de asistencia en materia de rexistros do Concello, ou en calquera dos órganos sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información