A SGN colaborará con FEGADACE na prevención do ictus

10/07/2015

O presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía asinou onte un convenio de colaboración coa Federación.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) asinou onte un convenio de colaboración en virtude do que vai colaborar coa Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN) durante, cando menos, os vindeiros tres anos. Profesionais da Neuroloxía e asociacións de dano cerebral comparten un interese prioritario: o ictus, que é a principal causa do DCA. A colaboración estará centrada no desenvolvemento de campañas de prevención desa doenza e no impulso de programas de investigación relacionados con ela.
 
No acto reuníronse Miguel Ángel Llaneza, presidente da SGN, e José Balboa, presidente de FEGADACE, con membros da xunta directiva da Federación, a súa coordinadora, e o coordinador da unidade de ictus do CHUS, Miguel Blanco.
 
O primeiro en intervir foi o doutor Llaneza, que salientou a posibilidade que lle brinda este convenio á SGN de manter un contacto directo coas familias, facilitándolle o seguimento das persoas que os neurólogos atenden previamente no ámbito hospitalario. Manifestou ademais a vontade da entidade que representa de colaborar con FEGADACE aportándolle o coñecemento científico do que dispoñen en forma de asesoramento, charlas, etc.
 
Pola súa parte, José Balboa agradeceu a vontade dos profesionais da Neuroloxía galega á hora de colaborar coas familias, e salientou a importancia de traballar conxuntamente en mellorar tanto o prognóstico do ictus como a situación das persoas que teñen dano cerebral adquirido pola súa causa.
 
Tanto o representante da SGN como o de FEGADACE amosaron a súa satisfacción polo anuncio da próxima apertura da segunda unidade de ictus de Galicia en Vigo, feito que reciben con optimismo de cara a que este tipo de atención poida continuar estendéndose aos demais hospitais das cidades, que xa contan con servizos de Neuroloxía. Explicaron a súa preocupación polo 7% de poboación galega que depende dos hospitais comarcais, que non contan con departamentos de Neuroloxía, e sinalaron como unha posíbel saída o uso da tecnoloxía a través de proxectos como o de Teleictus (que pon en contacto os hospitais do Salnés e do Barbanza coa unidade de ictus do CHUS para atender este tipo de casos).
 
No acto tamén se falou da falta de equidade que existe en Galicia na atención ao ictus. Para o tratamento da maioría de casos desta doenza é moi importante que a intervención hospitalaria se realice nas primeiras catro horas desde que se produce o ictus ("mellor canto antes, se pode ser en trinta minutos, mellor que nunha hora", explicaba Miguel Blanco). Polo tanto, as persoas que se atopan fóra da área de influencia dos hospitais de Santiago e, desde moi pronto, do de Vigo, están en desvantaxe, contando cun peor prognóstico (maior probabilidade de ter secuelas e de que estas sexan máis graves e/ou permanentes).
 
O convenio de colaboración que une a FEGADACE coa SGN asinouse con data do 9 de xullo de 2015 e terá unha vixencia de tres anos, cando se estudará a posibilidade de introducir cambios e adaptacións ou de renovalo automaticamente.
 
*O secretario e portavoz de FEGADACE, Fidel Castro, respondía esta noite a unha entrevista no programa da Radio Galega Convivir en Igualdade na que debullou os contidos do convenio de colaboración e explicou, unha vez máis, os síntomas de alarma e os xeitos posíbeis de previr o ictus. Pódese oír entre os minutos 10'08'' e 23'38''.
 
*Información e imaxe extraídas da páxina web de FEGADACE.
 

 

Categorías: FEGADACE , Prevención , Ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información