A discriminación no ámbito educativo e laboral, principais barreiras para a inclusión da mocidade con discapacidade en España

16/03/2017

O estudio elaborado polo CERMI e o INJUVE destacan que a taxa de emprego dos mozos e mozas con discapacidade é a metade en relación ao seu grupo de idade. Estes datos empeoran no caso das mulleres.

As barreiras que as persoas novas con discapacidade seguen atopando no ámbito da educación e a formación e as trabas para acceder ao mercado laboral continúan sendo as principais dificultades para a inclusión deste grupo social en España, pese aos avances que se produciron nos últimos anos.

Así o pon de manifesto o estudo “Mozos/as con discapacidade en España”, realizado grazas a un convenio asinado en 2016 polo Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad (CERMI) e o Instituto de la Juventud de España (INJUVE), co fin de analizar a realidade das case 400.000 persoas con discapacidade de entre 15 e 30 anos que viven en España, de quen o 54% son mulleres.

O informe, que actualiza os datos de 2010, cando se realizou o primeiro estudo deste tipo, destaca que o 40% da poboación nova con discapacidade afirma terse sentido discriminada nos últimos 12 meses en ámbitos educativos ou formativos por causa da súa discapacidade. Iso si, pese ao estancamento que se está producindo nos últimos anos, fai un balance positivo da inclusión das persoas con discapacidade en todos os niveis educativos.

En canto á inclusión laboral, a taxa de emprego das persoas de 16 a 24 anos con discapacidade situábase no 2014 no 9%, mentres que a poboación desa mesma idade duplicaba esta cifra. Destaca a taxa de inactividade das persoas novas con discapacidade, que se sitúa no 72%, 11 puntos porcentuais por riba da poboación nova sen discapacidade. O estudo, ademais, reflicte que as mulleres con discapacidade teñen aínda peores índices de inclusión laboral que a poboación masculina con discapacidade.

En relación á emancipación, a medida que aumenta a idade dos mozos con discapacidade, increméntanse os índices de emancipación do fogar familiar, aínda que en menor medida que no caso da mocidade sen discapacidade. Así, case dous terzos dos mozos con discapacidade entre 27 e 30 anos conviven no domicilio dos seus pais (62,8%).

 

Nova elaborada a partir de información da axencia Servimedia.

 

A continiuación pode acceder ao estudio completo.

 

 

pdf
  • Jóvenes con discapacidad en España 2016
  • Este estudo é unha actualización a 2016 do informe "Jóvenes con Discapacidade en España" realizado polo Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidade (CERMI) no ano 2010 e que serviu como base para orientar o deseño de diversas políticas e intervencións sociais especificamente orientadas á poboación nova con discapacidade en España.

  • Baixar ficheiro
Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información